O PP de Baiona denuncia que o tripartito ten “totalmente abandonado” o municipio

O PP de Baiona denuncia o estado de “abandono total” no que se atopa o municipio e urxe ao goberno tripartito do PSdeG, Nós e BNG a poñerse a traballar na limpeza e acondicionamento do centro urbano e de todas as parroquias, tanto na limpeza de marxes, viarios e zonas rurais como no coidado e mantemento dos parques, xardíns, paseos, glorietas e, mesmo, dos monumentos emblemáticos da vila, que presentan unha “triste” imaxe pola “desidia” dos xestores políticos do Concello.

O grupo municipal popular está convencido de que os veciños de Baiona “non se merecen esta actitude”, nin que o seu pobo “mostre un aspecto de total deixamento”, tanto para os propios baioneses como tamén polo que iso supón para a proxección turística de Baiona nun momento no que resulta “imprescindible” e “obrigatorio” coidar, manter e promocionar a “imaxe impecable” e o “bo posicionamento” da vila a nivel provincial, galego e nacional “que tanto custou conseguir” e que tan necesario é neste momento como impulso económico e apoio ao sector hostaleiro local.

Praias e a súa contorna

Precisamente, e tendo en conta o inminente paso á fase 2 da nosa comunidade, o grupo popular manifesta o seu “descontento” pola “falta de previsión” do tripartito, tamén, na posta a punto e limpeza da contorna das praias, que actualmente mostran un aspecto “desastroso” a pesar da chegada do bo tempo e do avance no plan de desescalada.

Desde o PP xa se demandou en reiteradas ocasións ao goberno local que se implique na limpeza de todo o municipio de Baiona, tanto da zona urbana como do rural. Resulta “sorprendente”, indican desde a agrupación local, a “falta de compromiso” deste goberno cos veciños e co presente e futuro dos baioneses.

Anuncios