Prado Surf Escola volve abrir as súas portas en Patos 64 días despois

O pasado sábado 16 de maio Prado Surf Escola retomou as clases de surf nas súas escolas de Patos (Nigrán) e A Lanzada (Pontevedra).

Coa chegada da fase 1 a Galicia abríanse as portas dos centros deportivos, entre elas as escolas de surf. Para poder retomar a actividade Prado Surf Escola fixo cambios na escola de Patos con circuítos de entrada e saída para evitar o contacto entre os alumnos e manter en todo momento as distancias de seguridade. Ademais, crearon un protocolo interno para o persoal con medidas estritas para a desinfección de material, e outro para os clientes con recomendacións de boa conduta tanto dentro como fóra da auga.

Esta nova apertura trae cambios tamén en canto ás clases, o grupo máximo de persoas por franxa horaria é de 10 e só poderase asistir a clase se se reservou con anterioridade. Ademais, tamén está dispoñible a opción de aluguer de material para surf ou pádel surf, pero a condición de que se reservara previamente. Desde logo é un novo reto para esta escola que conta con máis de 20 anos de experiencia, pero había moitas ganas de volver ao mar. Con todas as medidas tomadas pódese practicar surf de forma segura e, ademais coa vantaxe de que haberá poucos surfeiros na auga.

As clases e o aluguer de material tamén se retomaron na praia da Lanzada co mesmo sistema e medidas que en Patos. As escolas de Sabón e Bastiagueiro na Coruña permanecen aínda pechadas pero esperan poder abrilas nos próximos días. De fronte ao verán están abertas xa as prazas para os campamentos multiaventura semanais, cursos mensuais e por días.

Prado Surf Escola leva máis de 20 anos ensinando surf nas súas catro escolas repartidas nas provincias de Pontevedra e A Coruña.

Anuncios