COGAMI presta apoio a máis de 500 persoas sobre como proceder ante o COVID-19

A área de Promoción da Autonomía Persoal da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade de Galicia (COGAMI) é a que se encarga de xestionar todas as consultas que chegan á entidade, aportando unha resposta ás persoas con discapacidade e familias, co fin de darlle unha solución á problemática que teñen.

Durante o COVID-19 remitíronse a COGAMI un total de 210 consultas, transmitindo nelas a preocupación pola falta de información e confusión sobre esta pandemia e o descoñecemento ante a maneira de proceder. Nas consultas, recibidas vía telefónica e correo electrónico, apréciase o temor por como afectará o confinamento á saúde mental da propia persoa e por como afrontar a situación.

A escaseza de información sobre prazos e lugares de atención para a entrega de documentación na Administración; a maneira de proceder para solicitar a revisión do certificado de discapacidade en proceso de caducidade ou xa caducado e como contactar co SEPE para solicitar a prestación de desemprego, foron outras das preocupacións transmitidas a COGAMI, xunto coas consultas sobre a tramitación e cobros dos ERTES e o pago de alugueres de locais comerciais e vivendas.

O equipo formado por 11 traballadoras sociais da área de Promoción da Autonomía Persoal realizou tamén un total de 1.032 seguimentos a persoas usuarias e familias para coñecer a súa situación e se presentaban algunha necesidade. Destes seguimentos, puideron apreciar que viven unha situación de sobresaturación tanto as persoas con discapacidade como as súas familias, as persoas maiores que viven soas ou as coidadoras principais de persoas con discapacidade e/ou en situación de dependencia (por exemplo persoas con Alzheimer, con enfermidade mental, etc).

O contacto mantido coas persoas maiores amosa que moitas delas teñen ansiedade, a necesidade de falar con outra persoa e de acompañamento durante este proceso. COGAMI actuou de intermediaria entre as persoas que demandaban unha necesidade e as coordinacións dos servizos sociais comunitarios, protección civil e outras entidades de atención, mediando en máis de 100 actuacións conxuntas.

Outras das xestións levadas a cabo por COGAMI foron 240 intervencións sociais, sendo estas de acompañamento a persoas durante a crise e de apoio psicosocial, das que se beneficiaron un total de 331 persoas. Como a atención personalizada non é posible tralo COVID-19, os medios empregados foron o correo electrónico, os vídeos explicativos, a chamada telefónica, e as plataformas de Whatsapp e Skype, realizando 79 sesións individualizadas e 5 sesións grupais a través de videoconferencia.

Dende COGAMI insístese na necesidade de poñer o foco no grao de vulnerabilidade que teñen as persoas con discapacidade. O equipo de COGAMI que conforma a área de Promoción da Autonomía Persoal aprecia un aumento na crise social, relacionada co ámbito económico. Existe preocupación a que a diminución de ingresos e a incerteza sobre o regreso ao posto de traballo, deriven nunha problemática de saúde mental.

Ante a situación actual, para COGAMI, é necesario manter estes servizos: a protección das persoas con discapacidade, maiores e/ou con dependencia a través de coidados domiciliarios; volver retomar as valoracións de dependencia e discapacidade e a xestión de prestacións; rachar coa fenda dixital para aquelas persoas que non teñen nin competencias nin recursos para o uso das vías telemáticas; acadar solucións para as persoas que viven soas ou para aquelas que están illadas no medio rural; ofrecer trato preferente para axuda a domicilio de persoas con discapacidade e a accesibilidade debe ser universal, debe chegar a todas as persoas con discapacidade sen excepcións.

Anuncios