A Xunta ofrece aos concellos colaboración tecnolóxica para que xestionen o aforo das súas praias

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Praia de Santa Marta.

Os conselleiros de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañados pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega), Mar Pereira, mantiveron hoxe unha xuntanza co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, na que trasladaron a súa disposición para axudar aos concellos a xestionar este verán dun xeito voluntario o aforo das súas praias, fixado polo Goberno central.

Como lembraron, a raíz da actual crise sanitaria, o Ministerio de Sanidad a través do mando único establece límites de afluencia nos areais, que son espazos cuxa xestión depende dos concellos. Desde o Goberno autonómico, co fin de contribuír ao manexo da capacidade das praias máis concorridas, expuxéronse as ferramentas e información existente que os concellos poderían usar voluntariamente para cumprir as directrices establecidas polo Goberno central, aproveitando o coñecemento previo e as distintas posibilidades.

Trátase dunha alternativa máis, nunca unha imposición do Goberno autonómico, das diferentes opcións que os concellos poderán implantar estes meses para dar resposta á situación sanitaria. Nesta materia, a Xunta non ten competencias, polo que os conselleiros amosaron o seu respecto ás múltiples fórmulas avanzadas polos alcaldes. Por iso, explicaron que serán sempre os concello quen decida como xestionar os areais e implementar as medidas que fixe o Ministerio de Sanidad.

O titular de Cultura e Turismo da Xunta subliñou a importancia de “dar garantías a veciños e visitantes nun territorio seguro para os galegos que é tamén un destino de confianza para os turistas”. “O noso obxectivo é proxectar un destino seguro e facilitar o labor dos concellos durante a tempada alta”, afirmou.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda recordou que os concellos teñen a súa disposición o visor do Catálogo de Praias de Galicia, que ofrece datos sobre a superficie exacta de cada areal; unha información valiosa e útil para as administracións locais á hora de determinar a súa capacidade de carga ou ocupación máxima, en función dos criterios que se fixen por parte do Goberno do Estado.

Cómpre precisar que a Comunidade conta con 960 praias que suman máis de 18,75 millóns de metros cadrados de superficie, concentrando a provincia da Coruña a meirande parte delas (454 praias), seguida de preto por Pontevedra (con 414) e Lugo (92). En canto ao aforo máximo das praias galegas, está calculado nun total de 939.520 persoas, un dato interesante se se analiza praia por praia posto que pode axudar a calcular un determinado grao de ocupación.

Xunta e Fegamp avanzaron a vontade de seguir colaborando para traballar no obxectivo compartido de que as praias sexan un lugar seguro, ofrecendo o Goberno autonómico o seu coñecemento cartográfico e tecnolóxico.

Anuncios