A Garda Civil intensifica a vixilancia das principais “rutas moteiras”

A Garda Civil de Pontevedra intensificou esta fin de semana a vixilancia e control sobre as principais estradas utilizadas por motoristas na provincia ante o notable aumento da circulación deste tipo de vehículos tras a entrada na fase I da crise sanitaria do Covid-19.

Trátase de efectuar unha especial vixilancia sobre os colectivos máis vulnerables, peóns, ciclistas e os citados motoristas. O obxectivo é reducir os sinistros viarios nos que ven implicados este tipo de usuarios, xa que no ano 2019 un 40% das 90 vítimas mortais en accidentes de tráfico en Galicia pertencía a un destes tres grupos.

As patrullas do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra, fixeron durante toda a fin de semana especial fincapé no control da velocidade, manobras perigosas na condución, adiantamentos en zonas non permitidas, condicións técnicas das motocicletas, adecuación do permiso de condución á motocicleta utilizada e presenza de alcol ou drogas nos condutores.

A incidencia máis grave produciuse o domingo 17 cando dous motoristas, que circulaban en grupo, sufriron unha colisión por alcance. O sinistro viario produciuse sobre as 19:30 horas, no Km 318 da estrada N-525, no termo municipal da Estrada. Como consecuencia do feito, ambos os dous mozos resultaron feridos de distinta consideración, sendo necesario o seu traslado ao Centro Hospitalario “La Rosaleda” na localidade de Santiago de Compostela.

O Equipo de Atestados e Informes do Destacamento de Tráfico da Garda Civil de Lalín, dentro das dilixencias para o total esclarecemento dos feitos, desprazouse ao centro médico para realizar as oportunas actuacións.

Efectuáronse as probas de alcol e drogas aos implicados, detectándose en ambos os dous presenza de alcol. No caso do condutor alcanzado a presenza de alcol non superou o límite establecido de 0,25mg/l. O condutor da motocicleta que chocou contra a do anterior arroxou taxas 0,38 e 0,32, polo que independentemente do resultado da investigación do accidente e das súas posibles consecuencias legais, será denunciado por vía administrativa.

Anuncios