O uso de máscara será obrigatorio en espazos pechados e na vía pública

O Consello de Ministros acordou solicitar ao Congreso dos Deputados unha nova prórroga do estado de alarma ata o 7 de xuño ás cero horas.

A ministra de Facenda e portavoz do Goberno, María Jesús Montero, fixo un chamamento ás forzas parlamentarias para que apoien mañá a petición, que lles trasladará o presidente Pedro Sánchez. Montero afirmou que o estado de alarma é o único instrumento xurídico que permite restrinxir a mobilidade da poboación, un factor crave para “loitar contra a pandemia do COVID-19 e salvar vidas”.

No mesmo sentido pronunciouse o ministro de Sanidade, Salvador Illa: “É imprescindible o estado de alarma ata o final do proceso de escalada, que vai seguir estando guiado pola prudencia, a cautela e a seguridade; cada paso que demos será un paso seguro”.

Illa explicou que o texto aprobado consolida os principios de cogobernanza cos que se está dirixindo a desescalada e reduce ao Ministerio de Sanidade as autoridades delegadas competentes, baixo a superior dirección do presidente do Goberno. Así mesmo, derroga a disposición adicional segunda do Real Decreto do 14 de marzo para que volvan contar os prazos procesuais, de prescrición e a caducidade de dereitos e accións a partir do 4 de xuño. Tamén desde o 1 de xuño volverán contar os prazos administrativos.

Uso obrigatorio de máscaras

O ministro de Sanidade confirmou que o uso da máscara será obrigatorio, ademais de no transporte público como ata o de agora, en espazos pechados, e na vía pública sempre que non se poida manter a distancia interpersoal de seguridade de dous metros. Así o decidiu o Comité Técnico para a desescalada tras unha reunión co pleno da Conferencia Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde. A medida entrará en vigor cando a orde correspondente sexa publicada no Boletín Oficial de Estado, “posiblemente mañá”, dixo Illa.

Boa evolución dos datos

Salvador Illa repasou os últimos datos de contaxios, que cualificou de “bos”, xa que revelan unha porcentaxe de incremento que non supera o 0,5% diario, en liña cos obxectivos marcados. Aínda así, reiterou que hai que seguir actuando con máxima responsabilidade individual e cumprindo as instrucións e recomendacións das autoridades sanitarias.

O ministro anunciou que as peticións das comunidades e cidades autónomas para cambiar de fase na desescalada xa foron remitidas ao Ministerio de Sanidade e que o mércores e o xoves celebraranse as reunións bilaterais para analizalas desde un punto de vista técnico e acordar os seus termos, que se farán públicos o venres.

Anuncios