A Deputación aproba novos investimentos para Nigrán e Baiona por case 265.000 €

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a concesión de novas achegas por valor de 843.000 euros ao abeiro do Plan Concellos, que beneficiarán neste caso a seis municipios da provincia: Nigrán, Portas, Vilaboa, Baiona, Poio e Redondela. Con estas axudas o ente provincial leva xa concedidos 14,2 millóns de euros entre as tres liñas do Plan.

No caso da Liña 1 de Investimentos aprobáronse catro novas achegas por valor de 532.397,87 euros. Máis polo miúdo, para Nigrán aprobouse unha subvención por un importe total de 130.976,27 euros coa que se financiará o proxecto de rehabilitación da antiga casa do mestre e do aulario para o seu uso como local de reunión. Pola súa banda, o concello de Baiona recibirá 133.191,37 euros cos que mellorará a pavimentación e a seguridade viaria do Camiño Serralleira, en Sabarís.