A entrada en vigor da Fase 1 da desescalada leva aparellada unha flexibilización das medidas que afectan á circulación de persoas. Desde o pasado luns case a totalidade dos edificios de culto da comarca reabriron as súas portas aos fieis e retomáronse os oficios relixiosos presenciais. Con todo nas parroquias de Baíña, Belesar e Baredo as eucaristías e demais actos relixiosos terán que agardar polo menos ata xuño.
Os motivos derivados do aforo permitido nos edificios de culto levaron ao seu párroco, Francisco Cabaleiro, a atrasar a reapertura dos catro edificios relixiosos nos que oficia as súas misas. Cun “debemos amar a Deus cos nosos fallos e equivocacións, pero tamén temos que amar ao noso próximo”, Cabaleiro, argumenta o seu comunicado publicado na rede social Facebook da Unidade Pastoral facendo un chamamento ao sentido común e desculpándose ante os seus fregueses pola decisión tomada. “Cando comezamos a poñer en práctica as indicacións dadas polas autoridades, démonos conta que no caso da capela de Santa Marta a capacidade queda reducida a oito persoas, mentres que nas outras tres a cifra oscila entre 20 e 30”, explicou. Este feito sumado a que máis do 60% dos fieis compóñense de maiores levoulle a tomar a vía da paciencia e atrasar a apertura, que ademais obtivo moi boa acollida entre os seus seguidores. A pesar de todo o sacerdote mantén os servizos mínimos e admite que para el a peor parte é a concernente á celebración de enterros dentro deste contexto. “Cun acceso limitado a familiares contados celebrámolos ás agachadas, rápido e sen o respecto que creo que merecen. É algo que solucionaremos unha vez que recobremos a normalidade aínda que para min esta é a cara máis triste de todo”, engadiu.
Os problemas de capacidade que teñen as súas igrexas de pequenas dimensións agudizáronse no momento que sufriu un accidente doméstico que se saldou cunha fractura no seu brazo dereito, o que lle obrigaría a solicitar un substituto. Polo momento o párroco, que leva a cargo das tres parroquias de Baiona desde fai catro anos, descarta esta alternativa co fin de evitar riscos innecesarios ao que lle sucedese de maneira temporal, porque segundo explicou os suplentes adoitan ser de idades avanzadas.
Ademais de todo o anterior Cabaleiro non escondeu a súa desconformidade de como parte da sociedade está a poñer en práctica as medidas da desescalada. “Levamos dous días na Fase 1 e o que estou a comprobar é que as persoas en xeral esquécense moi rápido das cousas. A xente reúnese en terrazas, moitos se despistan, non cumpren as normas e abrázanse con amigos que levan dous meses sen ver e é algo normal porque somos de natureza sociable, pero esquecémonos de que o problema segue aí”, aclarou.
Polo momento o sacerdote de Baredo, Baíña e Belesar non fixou unha data concreta de apertura, aínda que se todo vai como espera as catro igrexas da súa unidade poderían entrar en funcionamento coincidindo co Corpus do 14 de xuño. Conta con que metidos de cheo na Fase 3, a situación estea sensiblemente máis normalizada que na actualidade. Mentres tanto reitera que é moi importante manter a cautela para evitar os erros e cualifica a situación actual de carreira de fondo, porque tal e como reza no seu comunicado “o que corre moi apresa cánsase pronto”.

