Sin categoría

O PP de Gondomar solicita o aprazamento do pleno extraordinario

O Partido Popular de Gondomar presentou no día de onte por rexistro un escrito solicitando o aprazamento do pleno extraordinario que o Alcalde convocou con data de celebración no día de hoxe ás 20:00 horas e por vía telemática. Entre os argumentos expostos denuncian que non se convocase a preceptiva comisión informativa, e que non se puxese a disposición dos Membros da Corporación a documentación necesaria para o debate dos puntos da orde do día, parte da cal foi enviada a última hora do mércores. O Partido Popular recórdalle a Ferreira que nas xuntas de voceiros celebradas nas últimas semanas, e motivado pola alusión do Alcalde á celebración de plenos vía telemática, manifestou sempre a súa intención de que o pleno extraordinario que solicitaran en marzo e apoiado por todos os membros da oposición, deberíase celebrarse vía presencial, tomando as debidas medidas preventivas sanitarias e de seguridade, ofrecéndose incluso a presentar a proposta por escrito a fin de evitar problemas legais para o Alcalde e o Secretario municipal.

Segundo explica Paula Bouzós, voceira do PP gondomareño, o pleno foi solicitado o 3 de marzo para pedir explicacións ao Goberno municipal sobre determinadas obras realizadas e xustificadas de xeito nada convencional e solicitar a urxencia na tramitación dos núcleos de poboación co fin de evitar o derribo de varias casas en situación ilegal por falta de planeamento urbanístico. Afirman os populares, que este xeito de actuar do alcalde obedece á súa necesidade de agochar a falta de ideas e iniciativas do goberno municipal, así como evitar na medida do posible o traballo de fiscalización por parte da oposición, agochando e non entregando a documentación e información aos concelleiros facendo do concello de Gondomar unha entidade opaca, como vén facendo dende o inicio desta lexislatura.

No mesmo escrito tamén solicitan que xa que se poden realizar plenos que se convoque o correspondente pleno ordinario que non se celebra dende o mes de febreiro. O obxectivo deste pleno ordinario do mes de maio é que se debatan e aproben as medidas necesarias para paliar os efectos negativos desta pandemia que estamos a sufrir, sobre as persoas máis necesitadas e aos comerciantes e autónomos obrigados á paralización da súa actividade, que en gran medida son os máis afectados pola situación do estado de alarma sanitaria decretada polo goberno da nación.

“Tendo en conta que os puntos que se ían debater neste Pleno eran moi importantes para moitos veciños de Gondomar, non son menos importantes debater e aprobar as medidas a aplicar para mellorar na medida do posible as consecuencias negativas para os veciños e os comerciantes do noso concello, aproveitando as achegas que en varios escritos propuxo o Partido Popular”, remata dicindo Paula Bouzós.