Vithas Fátima celebra o Día Internacional de Enfermería con Cómplices e Directo Estudio

Persoal non enfermeiro do Hospital Vithas Vigo rendeu este martes, unha homenaxe a este colectivo coincidindo co Día Internacional da Enfermería que se conmemora hoxe en todo o mundo coincidindo co 200 aniversario do nacemento de Florence Nightingale, impulsora da profesión de enfermeira moderna. Esta homenaxe fíxose máis intensa ao recoñecer o seu labor “fundamental” na atención dos pacientes con covid-19. Por iso, persoal non enfermeiro do Hospital Vithas Vigo gravou diversos vídeos nos que nunha breve frase poñen de manifesto que é a enfermería para eles.

Unha “parte fundamental e complemento imprescindible para o noso traballo e unha boa calidade asistencial”; “para min a enfermería significa coidado, dedicación e vocación”; “hoxe en día a enfermería está moi ben preparada”; ou o recoñecemento de que durante esta pandemia o colectivo enfermeiro está a ser “un elo fundamentan para a atención destes pacientes”, son algunhas das frases coa que os traballadores de Vithas Vigo quixeron homenaxear ao persoal de enfermería.

O director de enfermería de Vithas Vigo, Óscar Boullosa Rivas, tamén gravou un vídeo no que quere “agradecer máis que nunca o compromiso, flexibilidade, colaboración e, en definitiva, gran profesionalidade” de todo o persoal de enfermería do Hospital.

A música coa enfermería

A esta homenaxe dos traballadores de Vithas Vigo sumáronse dous representantes do mundo musical. O grupo vigués Cómplices e o valenciano Directo Estudio, tamén enviaron senllos vídeos de apoio aos enfermeiros de Vithas Vigo.

No vídeo de Cómplices, tanto Cristina Monsonis como Teo Cardalda, felicitan “a todo o persoal de enfermería do Hospital A Nosa Señora de Fátima Vithas do noso Vigo”. “O mellor do mundo: os sanitarios; a xente que está a dar a vida por outras persoas, e para nós próximos, xa que nós tamén estamos en Vigo agora mesmo, e queremos mandarvos un abrazo moi moi forte e dedicarvos o noso vídeo Tiempos Mejores que fixemos aquí tamén”, afirma Cardalda. “Moitísimo ánimo e moitísima sorte”, conclúe o compositor vigués, ao que Monsonis engade “e un abrazo moi forte para todos”.

Pola súa banda, o dúo valenciano Directo Estudio composto por Cristina Cuenca e Fran Martínez, “desde Valencia queriamos darvos as grazas aos que estades en Vigo por todo o que estades a facer por nós en xeral, dá igual o lugar”, asegura Martínez. Pola súa banda, Cristina Cuenca, despois de interpretar un fragmento da canción Color esperanza de Diego Torres, dá as grazas a toda a enfermería no ano Nursing Now “queriamos dicirvos que moitas grazas polo labor que estades a facer. Un bico moi grande a ti Óscar (Boullosa) e a todo o teu equipo do Hospital Vithas, acordámonos moito de vós: sodes uns valentes”, conclúe.

Homenaxe de Adrovi

Por outra banda, esta mañá o presidente de Adrovi (Asociación de Doantes e Receptores de Órganos de Vigo), Celso García, achegouse ao Hospital Vithas Vigo para sumarse a esta homenaxe ao persoal sanitario en xeral e á enfermería en particular, coa lectura dun manifesto.

Este texto resalta que o persoal de Enfermería “escoita o primeiro pranto dos bebés recentemente nados e son testemuña do último alento dos moribundos; están presentes nalgúns dos momentos máis prezados da vida, do mesmo xeito que nalgún dos máis tráxicos”.

A enfermería “protexe a saúde e o benestar das persoas”, e cada un dos máis de 20 millóns de enfermeiros que hai no mundo “ten unha historia de esperanza e valor, alegría e desesperación, dor e sufrimento”, asegura o documento de Adrovi.

Durante o acto, tamén estivo presente unha representación dos traballadores de enfermería do Hospital, así como o director de enfermería de Vithas Vigo.

🎥 VIDEO: Vithas Fátima celebra o Día Internacional de Enfermería con Cómplices e Directo Estudio.

Publicado por Valmiñor TV en Martes, 12 de mayo de 2020