Baiona “ensaiará” a parcelación das súas praias na Ribeira

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Praia da Ribeira.

Unha das principais cuestións deste verán é como se xestionarán as praias e Baiona, do mesmo xeito que Sanxenxo, avoga por levar a cabo a parcelación dos seus areais en espazos de 3×3 metros. Segundo explicou o alcalde Carlos Gómez a este diario, aplicarán un método “o menos intrusivo posible” evitando a utilización de estacas unidas entre si por cintas. A principios do mes de xuño poñerán en práctica unha proba piloto no areal de Ribeira “por ser o máis céntrico de todos e no que se prevé un maior volume de bañistas”, e aos poucos estenderano a Frades, Barbeira, Concheira, Santa Marta e Ladeira pero adaptándoo ás peculiaridades de cada zona. Para iso contemplan a utilización dalgún elemento delimitador sobre a propia area e que en todo caso aplicarase sobre a franxa libre de mareas, deixando o resto sen anotación para que non se forme a acumulación de usuarios na beira. “Estamos a buscar o modo de marcar os sectores con cintas no areal seco para que o impacto ambiental sexa mínimo”, explicou

Gómez engadiu que deste xeito marcarán as pautas para garantir a distancia de seguridade pero apela á responsabilidade social para que as medidas sexan efectivas. Ademais do acotamento dos areais, o rexedor baionés expón outra batería de medidas orientadas á ordenación do tránsito peonil por diferentes puntos do centro urbano. Neste sentido explicou que o plan de seguridade centrarase no Paseo de Alfonso IX, as rúas do casco antigo, Ventura Misa, rúa Conde ou Elduayen, entre outras. Implantarán un só sentido de circulación para obrigar aos viandantes a que leven a cabo un percorrido marcado nunha soa dirección. “En calquera caso as medidas tamén pasarían pola colocación de carteis informativos enumerando as indicacións implantadas”, engadiu.

Outro dos puntos que aínda está por determinar é o relativo ao das terrazas, aínda que a idea principal é a do aumento do espazo asignado a cada establecemento para que poidan montar o máximo número de mesas posibles. “É un intento por tratar de minimizar o impacto económico da crise sanitaria sobre os nosos hostaleiros”, afirmou. Xa para finalizar, o alcalde repetiu unha vez máis que “é de vital importancia que os nosos veciños non baixen a garda e que sigan facendo gala da responsabilidade demostrada durante os dous últimos meses”, para que a nova normalidade chegue no menor tempo posible.