O goberno de Nigrán convocará un pleno extraordinario telemático para aprobar o orzamento de 2020

O goberno de Nigrán convocará para este mes un pleno extraordinario telemático para presentar o orzamento de 2020 cunhas contas de 14.064.655 € e o recoñecemento extraxudicial de crédito para o pago de 100.676 € correspondentes a 141 facturas de traballos convenientemente realizados. As contas serán presentadas na comisión informativa do luns 11 de maio (que si será presencial ao ser só de 6 persoas, gardando sempre a distancia de seguridade) e a sesión para aprobalas se celebrará na seguinte semana de xeito virtual tras adquirir o Concello o equipamento informático preciso (este programa permitirá celebrar telemáticamente plenos, aperturas de plicas, xuntas de goberno, comisións informativas, etc..)..

O documento orzamentario pasa de 15.676.749 € no 2018 aos 14.064.655 actuais ao retirarse das contas a partida destinada á construción da Biblioteca Municipal (1,8 millóns de euros) cantidade que se incorporará ao orzamento unha vez aprobado, xa que a nova Biblioteca, en fase de contratación aínda que parada polo COVID-19, segue a ser unha prioridade.

Novamente, o goberno de Nigrán dálle a máxima prioridade aos Servizos Sociais rexistrándose o maior incremento na partida de Axuda a Domicilio, que pasa de 165.000 € a 580.000 €, un 251 % máis. “O motivo é que queremos incluír a máis persoas beneficiarias e que os novos pregos de contratación reflictan unha suba do prezo por hora, o que sen dúbida repercutirá na calidade do servizo prestado”, explica o alcalde, Juan González, quen inciden que o contrato da concesionaria finaliza este ano.

“Cremos que, unha vez máis, teremos as mellores contas para Nigrán ao situar o benestar das persoas como eixo prioritario, aspecto fundamental nestes intres tendo en conta a forte crise económica que leva aparellada o Covid-19″, sinala o rexedor, Juan González.

Acorde co carácter progresista do goberno local e a súa política de inclusión real, as contas deixan patentes unha vez máis a prioridade na atención ás persoas incrementando os investimentos non só en Atención a Domicilio, senón tamén en emerxencia social un 50% (de 20.000 € a 35.000 €) e incorporando epígrafes novos como un campamento inclusivo co Juan María por 2.500 €, o programa Xacobeo-Autismo con Menela por 4.000 € ou unha partida de 20.000 € para a adquisición de máis equipamento deportivo adaptado que se sumará as bicicletas para persoas con diversidade. Tamén son novos os apartados que contemplan unha subvención ás comunidades de augas (10.000 €), obras de abastecemento (25.000 €), axuda á protectora Baisenpulgas (4.000 €), Xeodestino Ría de Vigo (5.650 €) ou Escolas Deportivas (35.000 €).

A aposta pola cooperación internacional deste Concello se manifesta na partida de 4.000 € de axuda ao pobo saharauí, xa que a causa do Covid-19 non se realizará o programa “Vacacións en Paz” que permitía traer nenos a Nigrán e a toda España no período estival, por este motivo o Concello decide investir eses cartos cos que sufragaba os billetes de avión (e aumentalos de 2.500 € a 4.000 €) para destinalo a axuda humanitaria aos campamentos de refuxiados en Arxelia. “Estes nenos vivirán o verán nunhas condicións climáticas extremas que se unen á súa situación de pobreza; na súa estancia en Nigrán con familias non só acudían a revisións médicas e recibían tratamentos ou unha alimentación equilibrada, senón que levaban consigo moitos agasallos de roupa, material escolar etc. Desde o Concello de Nigrán non podemos pechar os ollos a esta realidade e abandonalos cando máis o precisan, por iso consideramos que debíamos manter a partida e aumentala co fin de achegar material humanitario a través da caravana que realizará Solidariedade Galega co Pobo Saharauí”, explica González.

A maiores, e dentro do Plan Concellos, se inclúe a reforma do paseo marítimo de Panxón por 122.332 €; os saneamentos de Carreiro, Carousa, PO-552 e Carrasca (incluíndo abastecemento) por 320.472 € en total; a restauración de sete lavadoiros (131.082 €) ou a reforma das antigas casas dos mestres de Vilameán en centro de ocio para maiores.

O coidado do Medio Ambiente é tamén unha prioridade do Concello, polo que se reflicte no borrador aumentando de 6.000 € a 15.000 € o apartado destinado á limpeza subsidiaria de fincas para evitar lumes; o mesmo sucede co eido da Igualdade a través do Centro de Información á Muller (CIM) pasando a 20.000 € (5.000 € máis que no 2018).