Baiona reabre o luns o mercado de Sabarís con 20 postos

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Durante os meses de verán a densidade de clientes e curiosos é tal que pode resultar complicado camiñar dun posto de venda a outro.

O vindeiro luns, 11 de maio, o mercado de Sabarís reiniciará a súa actividade, suspendida dende a declaración do estado de alarma no pasado mes de marzo. A reapertura programada polo Goberno de Baiona, realizarase de “xeito escalonado” para poder ir adaptando esta cita semanal dos luns “a esa nova normalidade que nos toca vivir e que, en moitos aspectos, marcará un antes e un despois da crise da COVID-19”, explica o alcalde, Carlos Gómez.

Este primeiro mercado tras a súa reapertura, estará cinguido exclusivamente ao sector agroalimentario e, en total, se instalarán 20 postos. Non será a única novidade xa que tamén terá un pequeno cambio na súa situación, pasando a ocupar o treito da rúa Julián Valverde comprendido entre o cruce coa avenida José Pereira Troncoso e a praza de Vitoria Cadaval.

Cómpre salientar que o Plan para la transición cara unha Nova Normalidade sinala que os Concellos, para retomar a actividade dos mercados ao aire libre, deberán garantir “as condicións de distanciamento entre postos” e ademais especifica claramente que ditos mercados “deberán estar delimitados para o correcto control do aforo por parte das forzas de seguridade”.

O alcalde Carlos Gómez explica, ademais, que os diferentes postos deberán garantir as medidas de seguridade da súa clientela “poñendo a disposición da mesma luvas e xel hidroalcohólico, dado que estamos a falar de postos agroalimentarios nos que se deben extremar as medidas hixiénicas”. Chama tamén o alcalde de Baiona, “á responsabilidade dos veciños e veciñas” á hora de evitar aglomeracións e tentar manter, “en todo momento, as distancias de seguridade recomendadas nas disposicións do Goberno de España”.

A progresiva ampliación do mercado, adiantou Carlos Gómez, “darase a coñecer aos interesados e interesadas coa suficiente antelación” quedando, en todo caso, “supeditada á situación sanitaria do momento é ás normas ditadas polas administracións competentes”.

Estamos, conclúe o alcalde de Baiona, “nunha fase moi delicada na que a responsabilidade de todos e cada un dos veciños e veciñas, é fundamental para que poidamos ir saíndo pouco a pouco desta crise”.