O PP de Baiona solicita ao goberno local que limpe e acondicione as sendas e paseos fluviais

O PP de Baiona solicita ao goberno local (BNG, PSdeG e Nós) que limpe e acondicione os sendeiros e parques fluviais do municipio e poña en marcha un plan de adecuación para estas zonas naturais do centro de municipio que, desde o inicio do plan de desescalada, están a ser moi transitadas polos veciños nos seus paseos, tanto cos nenos como tamén nas saídas dos adultos.

Maleza, herba e matogueiras invaden gran parte do mobiliario público e as marxes do Sendeiro Litoral de Baiona, un dos primeiros aos que a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac) outorgou a distinción de Senda Azul nos seus 6 quilómetros que bordean o paseo Monte Boi unindo a praia da Concheira co espazo natural A Foz do Miñor e que transcorre polos seis areais do municipio.

A mesma imaxe de “abandono” que presentan os paseos fluviais en Baíña e en Baredo, a pesar de que estas contornas están entre as máis elixidas polos baioneses para gozar da natureza e o medio ambiente tras cincuenta días de confinamento. Para os populares baioneses, esta situación é unha “falta de sensibilidade” cos veciños e co medio ambiente por parte do goberno tripartito debido a que “ante o desexo de todos de gozar dos paseos que permiten as regras actuais do estado de alarma non é de recibo que nos atopemos a nosa contorna natural, recoñecida a nivel nacional e internacional, nun estado tan lamentable como no que se atopa”.

Desde o grupo municipal popular lamentan que, durante este tempo, o executivo local non traballase nun plan de acondicionamento destes espazos naturais que, eran conscientes, converteríanse co inicio da desescalada nas zonas máis transitadas polos veciños do centro urbano baionés.

Apertura do enreixado metálico do paseo de Monte Boi

Doutra banda, e coa intención de facilitar o paseo aos veciños de Baiona e garantir que se cumpre coa distancia de seguridade recomendada polas administracións sanitarias na crise do Covid-19, o grupo municipal popular solicita a apertura do enreixado metálico do paseo de Monte Boi, situado na entrada á praia de Barbeira. Actualmente atópase pechado, obrigando a utilizar o viario en dobre sentido o que provoca unha maior concentración de persoas e, en determinados momentos do día, impide os dous metros de separación aconsellados.

O PP xa trasladou a instancia ao alcalde, Carlos Gómez, nunha reunión informativa para que realizase as xestións pertinentes para a posible apertura do enreixado e o rexedor comprometeuse a estudalo, pero dúas semanas despois continúa pechado. “Cremos que esta sinxela medida facilitaría o tránsito de persoas e evitaría poñer en risco aos veciños”, demandan.