Galicia pasará o luns á fase 1 do Plan para a transición cara a unha nova normalidade

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, anunciou esta tarde as medidas relativas á aplicación da fase 1 do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, así como os territorios nos que se aplicarán. A orde publicarase nas próximas horas no Boletín Oficial do Estado.

Nos últimos días, Salvador Illa mantivo reunións bilaterais cos conselleiros de cada comunidade autónoma. Nelas, discutiron a situación de cada unha das propostas de progreso a Fase 1 elaboradas por cada territorio en base aos criterios de valoración da capacidade estratéxica para o proceso de transición.

Froito da análise técnica da documentación, un 51% dos cidadáns españois estará a partir do luns en condicións de flexibilizar as medidas de distanciamento social ao pasar os seus territorios de residencia á Fase I do Plan para a Transición cara a unha nova normalidade.

Nestes territorios, entre os que están as catro provincias galegas –A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra-, estará permitido o contacto social de ata un máximo de 10 persoas, sen contar aos conviventes. Deberán, en todo caso, manter unha distancia mínima de seguridade de dous metros ou establecer medidas de protección física e de hixiene de mans.

A orde que regula a Fase 1 permitirá, entre outros, a reapertura das terrazas de hostalería e restauración ao aire libre, ata un número de mesas inferior ao 50% das autorizadas. En cada mesa ou agrupación de mesas poderá haber como máximo 10 persoas, que, ademais, deberán respectar a distancia interpersoal.

Hoteis

En canto aos hoteis e establecementos turísticos, os seus servizos de restauración serán para uso exclusivo dos seus clientes. Prohíbese o uso de spas, ximnasios, miniclubs, zonas infantís, discotecas, salóns de eventos etc. Para estes establecementos, a orde tamén establece medidas de hixiene específicas.

As persoas con síntomas de COVID-19, aquelas ás que se lles diagnosticou a enfermidade ou as que estivesen en contacto estreito con algunha persoa con síntomas ou diagnosticada, deberán continuar illadas.