Os sete GDR que coordinan os Xeodestinos ofrecen a súa colaboración á Xunta para reactivar o turismo nas áreas rurais

A crise sanitaria mundial provocada polo COVID-19 terá un impacto sen precedentes en todos os ámbitos da economía e da sociedade, polo que tras a primeira fase crítica que se está a vivir quedará por diante unha fase vital para a recuperación en todos os sectores, tamén para o turismo. Pensando xa na seguinte fase, os sete Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) que están a coordinar os Xeodestinos ofrecen a súa colaboración á Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia para reactivar o turismo nas áreas rurais e potenciar a posta en valor do rural aproveitando a capacidade técnica dos grupos e das súas estruturas de gobernanza local.

Deste xeito, a Asociación de Desenvolvemento Rural Condado Paradanta (xestor do Xeodestino Terras do Condado Paradanta), a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos (Xeodestino “A Coruña e As Mariñas”), o Grupo de Desenvolvemento Rural Ulla Tambre Mandeo e a Asociación Terras de Compostela (Xeodestino Terras de Santiago), a Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste EuRural (Xeodestino da Ría de Vigo e Baixo Miño), a Asociación Montes e Vales Orientais (Xeodestino Ancares) e a Asociación de Desenvolvemento Rural Terra de Pontevedra Norte (Xeodestino Deza e Tabeirós) propoñen ao Goberno autonómico asinar colaboración ou xestionar axudas de maneira directa para poder levar a cabo as diferentes accións establecidas no Plan de Seguridade Sanitaria para a recuperación paulatina e axeitada do sector.

Tendo en conta que o turismo rural de interior terá un peso relevante para o arranque o sector despois da saída da fase de confinamento, os GDR ofrecen a súa colaboración á Xunta para levar a cabo accións de formación e implementación das normas necesarias para o turismo rural, ambiental, de natureza, de aventura… e para traballar en rede como axentes Dinamizadores de Innovación Turística e da economía colaborativa “canalizando axudas, asesoramento, formación ou cantas cuestións poidan ir dirixidas á recuperación do tecido turístico de cada territorio”.

Ademais, dado o traballo e diálogo permanente dos GDR cos axentes locais, con concellos ou con outras entidades de carácter social e económico dos seus territorios, estas asociacións sen ánimo de lucro convértense nas ferramentas perfectas para poder recoller datos sobre a situación actual na que se atopa o turismo nas súas zonas e par ver as perspectivas do sector nos distintos territorios.

O turismo é un sector transversal cun importantísimo valor para Galicia en xeral e para o rural en particular, sobre todo para os territorios nos que están conformados estes Xeodestinos. Os GDR que os xestionan levan tempo traballando no sector cun diálogo permanente cos axentes locais, definindo estratexias de desenvolvemento turístico con visión comarcal ou supramunicipal; apoiando aos profesionais coa posta en marcha das Mesas de Turismo, onde se debaten os intereses e necesidades do territorio e do sector; xestionando proxectos para o impulso de novos produtos turísticos que acheguen maior valor e melloren a competitividade; financiando proxectos de emprendemento que xeren emprego; implantando o Sistema Integral de Calidade Turística en Destino e actuando como xestores deste selo de calidade; asesorando e apoiando aos concellos na posta en marcha de iniciativas individuais pero integradas nunha estratexia común e formándose e formando ao profesionais turísticos.

Anuncios