O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, celebrou o novo aumento de delitos esclarecidos en Galicia, entre xaneiro e marzo deste ano, nun contexto xeneralizado de diminución da criminalidade. Este aumento da eficacia policial supuxo que no primeiro trimestre as Forzas e Corpos de Seguridade esclareceron en Galicia o 43,6% das infraccións penais coñecidas, un 2,1% máis que no mesmo período do ano anterior. Javier Losada reiterou a felicitación pública aos efectivos policiais por estas cifras, que inciden directamente na calidade de vida da cidadanía galega.
Do Balance de Criminalidade do primeiro trimestre despréndese que Galicia continúa como cuarta máis segura do Estado, con 29,1 infraccións penais por cada mil habitantes no acumulado dos últimos doce meses, moi por baixo da media estatal, situada en 45,8, segundo os datos publicados este mediodía polo Gabinete de Coordinación e Estudos da Secretaría de Estado de Seguridade do Ministerio do Interior.
O delegado do Goberno apuntou que a taxa de criminalidade de Galicia nos últimos doce meses descende cinco décimas, en paralelo á diminución das infraccións penais rexistradas. Así, entre xaneiro e marzo deste ano coñecéronse en Galicia 17.728 infraccións penais, un 7,6% menos que no mesmo período do ano pasado (1.448 menos).
O descenso da actividade delituosa repítese nas catro provincias galegas. Por relevancia, a maior diminución dáse nas provincias atlánticas de Pontevedra e A Coruña. Pontevedra acumula un descenso de 8 décimas na taxa de criminalidade que baixa ata 29,8 delitos por cada 1.000 habitantes. A Coruña acumula unha baixada de 5 décimas alcanzado unha taxa de 31,2 delitos por cada 1.000 habitantes. En canto a Lugo descende 2 décimas ata 22,5 e Ourense, rexistra 3 décimas menos ata 26,3 delitos por cada 1.000 habitantes.
Efecto do Estado de Alarma nos delitos
Javier Losada apuntou que en Galicia repítese o patrón do resto do Estado polo que a declaración do Estado de Alarma implicou un cambio substancial na evolución da criminalidade. Así, detallou que desde o pasado 14 de marzo, data da entrada en vigor do estado de alarma, e ata o 31 dese mes, os corpos policiais rexistraron en Galicia 1.220 infraccións penais. Esta cifra supón unha redución dun 64,9 por cento respecto ao mesmo período de 2019, no que os posibles delitos rexistrados foron 3.478.
Tipoloxías penais
En canto ás tipoloxías dos delitos, producíronse importantes descensos nos furtos (un 16,7% de baixada); lesións e rifas (un 14,7% menos). Séguenlle unha tipoloxía que preocupaba especialmente en trimestres anteriores e que por primeira vez descenden os delitos vinculados á liberdade e indemnidade sexual, que descenden globalmente un 8,8%. Tamén baixan os roubos con violencia e intimidación un 7,6%. Pola contra, aumentan un 3,9% os roubos con forza nas vivendas e establecementos comerciais.

