O Hospital Vithas Vigo detecta un incremento de consultas por secura ocular desde o inicio do confinamento

O Hospital Vithas Vigo aconsella consultar cun especialista en oftalmoloxía para consultar cal é a bágoa artificial máis adecuada para tratar cada caso de secura ocular. Unha molestia que se produce, fundamentalmente, pola proximidade dos ollos coas pantallas de televisión, computadores portátiles e tablets, e que nas últimas semanas provocou un incremento nas consultas ao oftalmólogo por secura ocular.

Neste sentido, a responsable de oftalmoloxía do Hospital Vithas Vigo, a Dra. Yerena Muiños Díaz, explica que debido ás actividades de proximidade o ollo diminúe a frecuencia do parpadeo. A función principal do parpadeo é rehidratar o ollo de maneira constante. Consecuentemente, ao reducir o número de veces que parpadeamos diminúe, tamén, o número de veces que o rehidratamos, por tanto, a córnea sécase máis do habitual.

Ademais de secura no ollo, estes malos hábitos oculares tamén orixinan que en ocasións sexa máis difícil enfocar os obxectos máis distantes, de maneira que durante uns breves instantes (no momento de cambiar a mirada) aparecen distorsionados, pero rapidamente o ollo corríxese de maneira automática.

Para previr tanto a secura no ollo como os problemas para enfocar os obxectos, é aconsellable descansar entre tres e cinco minutos por cada hora de visionado da pantalla. Ademais, cando sexa necesario, é conveniente rehidratar os ollos con bágoas artificiais.

Este é un produto inocuo que se pode utilizar a demanda. Existen moitas marcas e composicións no mercado, pero, para saber cal é a máis adecuada para cada caso é aconsellable acudir a unha consulta co oftalmólogo. Tamén é importante non reutilizar frascos abertos hai tempo, caducados, ou mal conservados.

A Dra. Muiños Díaz tamén sinala que a secura ocular é “moi diferente” ao ollo seco. A secura ocular é un problema puntual que se resolve rapidamente; con todo, o ollo seco é unha patoloxía máis grave, e con consecuencias que poden chegar a ser serias.

🎥 VIDEO: O Hospital Vithas Vigo detecta un incremento de consultas por secura ocular desde o inicio do confinamento.

Publicado por Valmiñortv.com – O diario dixital de Baiona, Gondomar e Nigrán en Miércoles, 6 de mayo de 2020