Nigrán renova todo o cercado perimetral do espazo dunar Praia América-Panxón

O Concello de Nigrán vén de renovar todo o cercado perimetral do espazo dunar Praia América-Panxón, que presentaba moitos danos polo paso do tempo, ante o inicio dos paseos con menores de 14 anos (o Concello abriu os areais do municipio desde o primeiro día que estivo permitido). Os traballos, a cargo da empresa de inserción social Cormo Integral, teñen un orzamento de 2.255 € e conlevan a renovación de 45 postes de madeira e 745 metros de arame. O sistema empregado é o mesmo que o existente: postes de madeira de 1,3 metros de altura cunha distancia entre si de 2 metros e tendido de arame galvanizado e plastificado en verde lonxitudinalmente (3 liñas de arame).

“A nosa prioridade en Praia América-Panxón é a conservación e recuperación do espazo dunar e todas as medidas que se tomen no areal deben ir nesa liña, realizamos estes traballos ante a previsión do inicio dos paseos de menores de 14 anos e desde ese día está renovado, para que estivese todo en perfecto estado e preservado”, sinala o alcalde, Juan González.

Anuncios