Manifesto Miñor pide que se subministren dispositivos telemáticos aos escolares que o necesiten

O Grupo Municipal de Manifesto Miñor-En Marea presentará unha moción ao Pleno da Corporación de Gondomar sobre a subministración urxente de dispositivos telemáticos ao alumnado que o necesite.

Na sesión celebrada en decembro de 2019, xa instaron ao Goberno Municipal a realizar as xestións necesarias perante diferentes institucións e empresas operadoras de telefonía móbil, co obxecto de acabar coa “fenda dixital” existente no concello entre o rural e as zonas máis urbanas. A día de hoxe nada sábese desas xestións malia ser aprobada a moción por unanimidade. Agora a pandemia do Covid-19 deixa en evidencia esas carencias aumentadas pola carencia de dispositivos telemáticos naqueles sectores da poboación máis desfavorecidos ou castigados pola crise. Por iso, desde Manifesto Miñor-En Marea entenden que é urxente a subministración destes dispositivos telemáticos a aquel alumnado que aínda non os ten, xa que o dereito á tele educación crébase sen internet e sen estas ferramentas básicas.

O pasado 12 de marzo a Xunta de Galicia acordaba suspender as clases nos niveis de infantil, primaria e secundaria en razón do avance descontrolado da pandemia do Covid-19. Na finalización do trimestre non se tivo en conta, a efectos académicos ou avaliativos, este período. A fenda dixital que creba a nosa sociedade non tivo repercusións nas cualificacións do alumnado, aínda que si no dereito a recibir educación de forma telemática. O Goberno do Estado e a Xunta de Galicia, teñen ditado instrucións nas que se determina que este período, terceiro trimestre, si terá efectos académicos. Que neste período se poderán recuperar as avaliacións suspensas (Primeira e Segunda) e recibir tele educación de repaso ou ampliación.

“O noso concello, infelizmente, ten familias que non posúen internet, outras só acceden a través do móbil ou de datos limitados, que ao rematarse deixan inoperativos os seus dispositivos electrónicos. Por tanto sen acceso á comunicación cos seus centros e cos seus profesores. Como queira que se trata dunha situación de moita gravidade, o Concello ten a obriga moral e política de atender con urxencia”, sinala Rocío Cambra.

A moción insta ao Goberno Municipal, e a área correspondente, a poñerse en contacto sen demora con todos os centros de infantil, primaria e secundaria do concello, co obxecto de coñecer e avaliar as necesidades de dispositivos telemáticos nas familias máis desfavorecidas (tal como están facendo outros concellos do País, como o de Vigo) para saber se a Consellería de Educación que anunciou que ía a dotar destes elementos técnicos a estas familias, ten cubertas as devanditas necesidades. De non ser así, subsidiariamente o Concello de Gondomar habilitará a partida orzamentaria correspondente e poñerá a disposición do alumnado carente de medios de conexión, os dispositivos necesarios para que poidan exercer con garantías o seu dereito á educación por medios telemáticos como esixe o momento actual e para sempre.