Rita Álvarez Araujo gaña o concurso de debuxo infantil da X edición da Travesía a nado Costa Serena

O Concello de Nigrán e o Club deportivo Tumetapesonal fallaron os premios do concurso de debuxo infantil convocado con motivo da X edición da Travesía a nado Costa Serena. A gañadora do concurso é Rita Álvarez Araujo, de 12 anos, alumna do CEIP Carlos Casares de Nigrán. A segunda clasificada é Xiana Lameiro Fernández, de 10 anos, do CEIP Humberto Juanes, e o terceiro clasificado é Iago Iglesias Fernández, de 13 anos, do CPI Arquitecto Palacios.

O certame, dirixido a alumnos de centros escolares de Nigrán de entre 9 e 13 anos, convocouse o pasado mes de marzo para escoller o cartel anunciador da X edición da Travesía a nado Costa Serena-Gran Premio Concello de Nigrán. Máis de 50 nenos presentáronse ao concurso de distintos colexios de Nigrán.

O xurado, composto polo alcalde de Nigrán, Juan González, os concelleiros de Educación e Deportes, Marina Vidal e José Luis Sanromán, respectivamente, e membros da organización da travesía destacaron a orixinalidade e creatividade do debuxo gañador e resaltaron o gran nivel dos traballos presentados polos alumnos. Segundo as bases do concurso, o cartel debía estar relacionado coa travesía a nado Costa Serena e aparecer obrigatoriamente o areal de Praia América e un nadador/a.

O gañador recibirá un diploma, unha mochila, unha toalla e un gorro da firma deportiva Arena e unha cámara de vídeo e fotos somerxible. Ademais, o debuxo gañador, será o cartel oficial da X edición da Travesía a nado Costa Serena-Gran Premio Concello de Nigrán. O segundo clasificado obterá un diploma, unha bolsa deportiva, unha toalla e un gorro de Arena e un smartwatch. O terceiro clasificado recibirá un diploma, unha bolsa, unhas zapatillas deportivas e un gorro de Arena. Os premios entregaranse en canto a situación provocada polo Covid-19 permítao.

O prazo para presentar os carteis nos colexios finalizou o pasado 15 de abril. Todas as obras presentadas expoñeranse o día da travesía a nado en Praia América.

O concurso infantil é unha das distintas actividades previstas para conmemorar a X edición da Travesía a nado Costa Serena-Gran Premio Concello de Nigrán. Durante este ano organizaranse distintos actos para festexar os dez anos da proba, que é a travesía popular con maior participación de toda Galicia con preto de 500 participantes.

Debido á pandemia polo Covid-19, a organización da X Travesía a nado Costa Serena-Gran Premio Concello de Nigrán tivo que pospoñer a data de celebración da proba deportiva prevista para o 5 de xullo e traballa nunha nova data cunha serie de modificacións para garantir a seguridade dos participantes e cumprir cos protocolos de sanidade establecidos polas autoridades competentes.