Propoñen a creación dunha plataforma didáctica para o apoio do alumnado do Val Miñor en risco de exclusión

FOTO: ACDFR // David Fernández Rivera cos alumnos de 5º de Primaria do CEIP Belesar.

Dende que se decretou o estado de alarma polo COVID-19, estamos a ver de novo como é a clase traballadora a que está a manter ao conxunto da sociedade. Dende o persoal sanitario ao da limpeza, as traballadoras do sector da alimentación, coidados, transporte ou telecomunicacións están realizando un labor que permite ao resto da cidadanía facer fronte ao confinamento.

Con respecto á educación, os centros escolares estableceron medidas de teletraballo para que o alumnado poida continuar co traballo escolar. O persoal docente continúa coa súa xornada laboral, enviando actividades para que non se perda o fío do curso. Porén, existe unha porcentaxe ampla de familias que non contan con acceso a internet ou mesmo de ordenador. En moitos casos as crianzas non contan con apoio por parte da familia, que xustamente traballan para manter os servizos mínimos. Durante este período excepcional é moi difícil poder acceder precisamente a esas crianzas que máis o precisarían, aproximadamente o 10-20 % do alumnado. Esta situación de desigualdade vai quedar de manifesto con máis crueza cando remate o período de corentena e as crianzas volvan ás aulas.

O Partido Comunista de Galicia e Esquerda Unida do Val Miñor rexeitan este efecto amplificador da desigualdade social provocado pola pandemia polo que consideran que pola xustiza social é preciso artellar medidas que poidan axudar a suavizar estas diferenzas. Por isto queren poñer en marcha unha rede de apoio a este alumnado que por mor do parón no curso vai saír máis prexudicado.

Solicitan da cidadanía, e en especial dos tres Concellos do Val Miñor, comezar durante o confinamento a organizar o programa para poder iniciar o apoio cando remate o período de confinamento. Para isto, será necesario contar coa colaboración dos centros educativos, a través das direccións, os Equipos de Orientación e tamén das ANPAs, e por outra banda ir formando un grupo de persoas voluntarias, que conformarían esta Plataforma Solidaria Didáctica.

En canto aos locais onde desenvolver esta actividade, cren que poderían contactar con Asociacións de Veciños ou Centros Culturais. Tamén se procurará abrir a posibilidade de que os centros escolares cedesen espazos.

Fan un chamamento á veciñanza solidaria, ao profesorado xubilado, estudantes de universidade, profesionais da psicoloxía e calquera persoa que estea disposta a axudar. O labor do profesorado solidario sería liquidar dúbidas, repasar o traballo e reenganchar ao alumnado ao traballo ou axudalo a poñerse ao día. Centraríanse máis nas competencias básicas que en contidos específicos.

OBXECTIVO DO PROXECTO:

Poñer en marcha UN PROGRAMA DE APOIO DIDÁCTICO ao alumnado que debido ao confinamiento por COVID-19 ten maiores dificultades para poñerse ao día do curso.

Duración do programa: tres meses (mediados de maio-finais de agosto 2020).

A quen vai dirixido este programa?

Nenas e nenos dos distintos niveles de Primaria e ESO, cuxo profesorado ou o equipo de orientación e os país e nais valoren a necesidade de apoio didáctico.

Cantas horas dura cada sesión de apoio didáctico?

Dúas horas por sesión, dúas veces por semana (unha sesión de Letras e outra de Ciencias). Grupos de 5 crianzas.

Haberá seguro de accidentes e de responsabilidade civil para nenos e voluntarios?

Consideran imprescindible contar con esta cobertura, sexa por parte da Xunta de Galicia, Concellos, Asociacións de Veciños/Culturais ou doantes particulares.

Voluntarios: enviar correo electrónico a plataformasolidariadidactica@gmail.com.