Os curros deberán celebrarse pero sen público

Unhas das celebracións de maior tradición e antigüidade de Galicia, os “curros” ou “Rapa das Bestas”, poderían ver perigar a súa celebración este ano debido á crise sanitaria: aprazadas con seguridade e sen público, con iso trabállase agora mesmo.

No Val Miñor celébranse tres, o de Morgadáns en Prado, o de San Cibrán e por último o do Galiñeiro, todos eles dentro do municipio de Gondomar entre os meses de xuño e xullo. Modesto Domínguez, da Asociación de Gandeiros de Cabalos do Monte da Groba, participa na organización do de San Cibrán e de varios na comarca do Baixo Miño. Aclarou que a lexislación enmarcada no Real Decreto non deixa lugar a equívocos. “Non se poden celebrar de ningunha das maneiras ata que se produza o levantamento”, aseverou. A pesar de todo, Domínguez mantén que lonxe das connotacións festivas que as “rapas” foron adquirindo co paso dos anos estas cumpren unha finalidade de control. Ademais do corte das crines tamén se procede a unha marcaxe dos exemplares salvaxes para manter unha contabilidade da poboación e a quen pertence, pero existe outro motivo non tan coñecido pero moito máis importante en si e que ten que ver coa cobertura das pólizas de seguros en caso dun incidente, neste caso na orella. “Se non as marcamos as aseguradoras non as cobren e non podemos correr ese risco”, afirmou.

Polo momento Domínguez asegura case con total certeza que se terán que levar a cabo metidos de cheo no verán e contémplase realizalas sen público para evitar a aglomeración de persoas, “pero teremos que esperar a ver como evolucionan as indicacións das autoridades”. A pesar de que o cabalo autóctono vive de maneira completamente salvaxe, no monte e en manda, todos teñen propietario. Os comuneiros realizan un control periódico sobre eles sobre todo no momento que as eguas paren. “Moitas veces dan a luz nas ladeiras dos montes e se non trasladamos ás crías a un chan regular estas non serían capaces de levantarse e acaban morrendo”, aclarou. A de San Cibrán é das máis pequenas da zona, todos os anos concentran menos dun centenar de équidos que leva a cabo nunha superficie aberta de terreo que rolda as 8 ou 10 hectáreas de extensión de monte comunal onde se atopa o “curro” ou cerco, “pero é algo que temos que seguir facendo mentres haxa cabalos”.