Os pacientes de Povisa gozan dun concerto virtual solidario de Álex de la Nuez

Os pacientes ingresados en Povisa gozaron dun concerto virtual solidario do cantante, músico e compositor Álex de la Nuez, que quixo así “axudar a que o tempo de hospitalización dos pacientes sexa o máis leve ou distraído posible”.

Esta acción, que forma parte do Plan de Humanización que o grupo sanitario Ribera Salud adaptou como consecuencia da actual crise sanitaria, levouse a cabo a través da canle interna de televisión dos seus hospitais e tivo unha moi boa acollida entre os pacientes, sobre todo entre aqueles ingresados por COVID19, que se atopan máis illados. Para o cantante, dedicar o seu tempo e a súa música é o seu particular “gran de area” na gran cadea de solidariedade que puxo en valor esta crise sanitaria.

Álex de la Nuez, con máis de 40 anos de traxectoria musical tanto en solitario como en formacións que xa forman parte da Historia da música española como Zombies, Tequila ou Álex e Christina, e éxitos tan recoñecibles como “Chas y aparezco a tu lado” ou “Dame más”, asegurou que “nestes tempos tan complicados, é necesario que todos contribuamos na medida das nosas posibilidades”. Coincidindo co Día Internacional do Traballador que se celebra hoxe, primeiro de maio, esta iniciativa é tamén unha homenaxe do músico para os profesionais sanitarios, así como outros colectivos implicados na loita contra esta pandemia. “A súa vocación e esforzo demóstranos día a día o mellor do ser humano”, sinalou. Nesta liña, o músico e compositor destacou que “o labor e o coidado dos pacientes que levaron a cabo os centros de Ribera Salud nesta crise son un bo exemplo”, ademais de facer fincapé en que “nestes momentos complicados, tócanos unirnos e así rexurdir con máis forza”.

Esta mensaxe de forza para a retomar a “nova normalidade” é a base da canción “Miles de brazos”, que puideron gozar en primicia os pacientes de Ribera Salud. O tema é froito da súa colaboración co letrista e xornalista Enrique Mezquita, quen define o proxecto de Álex de la Nuez como “fiel e honesto cos seus principios e forma de entender a música, que vai máis aló das modas ou tendencias”. Tamén se escoitou, ademais dos grandes clásicos, o seu tema de regreso, “Rimando hasta la victoria”, en cuxa gravación contou co afamado guitarrista David Palau.