Sin categoría

O PP de Gondomar pide aumentar a desifección nas zonas de paseo dos cativos

Como é sabido, dende este domingo 26 de marzo o goberno central autorizou a saída á rúa dos menores de 14 anos por espazo dunha hora, co fin de que poidan pasear ao aire libre. En moitos concellos adoptáronse medidas para facilitar estas saídas, sen embargo o Concello de Gondomar non manifestou por ningunha vía información algunha, polo que o Partido Popular, mediante un escrito enviado ao Alcalde, pediu a publicación na páxina Web e nas redes sociais do Concello as normas ditadas polo goberno central e as medidas e recomendacións que deberían adoptar tanto os pais como os cativos para evitar a propagación do virus covid-19. Debido a isto, consideran necesaria a adopción de diversas medidas como aumentar as desinfección nas zonas de paseo dos cativos, debido á maior cantidade de persoas que circularán, abrir e adecentar os paseos no centro da vila, mantendo os parques infantís pechados e realizar e publicar unha planificación das zonas que se van desinfectar nas vindeiras semanas.

No mesmo escrito volveron a requirir a contestación ao escrito do pasado 12 de abril no que solicitaban do concello que se lles informase da relación das zonas onde se están facendo as desinfeccións e a planificación das zonas onde se vai seguir facendo e as medidas que se adoptaron con respecto aos traballadores do concello, as tarefas asignadas a cada un deles, as medidas de prevención que se tomaron e os Epis entregados a aqueles que teñan que realizar traballos presenciais. Nesa mesma data tamén demandaban a execución de varias propostas que consideraban necesarias para que os veciños e comerciantes locais poidan afrontar do mellor xeito os problemas da pandemia que estamos padecendo.

A voceira do PP gondomareño, Paula Bouzós, volve a recordarlle ao Alcalde a total disposición dos concelleiros do Partido Popular de Gondomar, para a realización daquelas tarefas que o goberno municipal considere oportuno, e o apoio a todas as medidas que se poñan en marcha para evitar ou minorar os efectos negativos da pandemia que estamos a sufrir.

O Partido Popular de Gondomar colgou tamén na súa páxina de Facebook un listado de comercios locais co fin de facilitar as compras no comercio local e que os veciños poidan coñecer cales están atendendo ao publico. Este listado actualízase a diario para adaptarse ás suxestións que lle van enviando por diversos medios.

“Debemos mercar no comercio local, porque esta é a mellor xeito de axudar os nosos veciños”, remata dicindo Paula Bouzós, voceira do PP de Gondomar.