Nigrán recompila nunha guía 28 establecementos para comprar os agasallos do Día da Nai

O Concello de Nigrán continúa coa súa campaña para promover o comercio de proximidade entre a veciñanza apostando nesta ocasión, xunto a Asociación de Comerciantes Ovalmi, pola compra de agasallos para o Día da Nai no comercio local. Como xa fixera o Concello ao inicio do confinamento elaborando unha cartelería específica de tendas de alimentación de barrio abertas e logo coas panadarías para promover a compra de roscas na Pascua, agora recompila 28 tendas que permanecen abertas e tamén pechadas pero que, de cara a este domingo, realizan envíos e recollen pedidos.

“Esta é unha campaña que, como as anteriores, busca concienciar á veciñanza da importancia de mercar localmente para garantir a supervivencia dos negocios que, precisamente, dan vida ás nosas rúas. Son os nosos veciños e, agora máis que nunca, hai que apostar por eles”, subliña o alcalde, Juan González.

En total, participan 28 tendas de accesorios, decoración, moda feminina, flores e plantas, estética e hixiene persoal, tecnoloxía ou mobiliario, unha óptica e mesmo un prestidixitador (Mago Rey Midas) que ofrece unha videochamada para realizar un show de maxia en directo. Moitas delas permanecen pechadas porque así o obriga a lei, pero teñen dispoñible o teléfono para recibir e enviar pedidos, realizar vales para consumir a posteriori, ou mesmo dispoñen de web para mercar. Para elaborar esta guía, no que se informa en cada caso da fórmula para mercar, o Concello invitou previamente a todos os establecementos a inscribirse previamente para participar (aviso en redes e en prensa).

“Cada un de nos ten a posibilidade de axudar ao pequeno comercio, queremos as rúas cheas de vida cando todo isto pase e para iso temos que apostar por eles agora. Son unha opción segura, próxima ao noso domicilio, están abastecidos e non se forman aglomeracións e, sobre todo, son os nosos veciños e nos recibirán cun sorriso”, sinala o alcalde, Juan González.

Argumentos da campaña

“Porque xuntos venceremos esta crise. Porque somos veciños. Porque cando todo isto pase seguiremos mantendo con vida as rúas. Porque axudas ás persoas emprendedoras a manter a boia os seus negocios. Porque a riqueza se queda no pobo. Porque aínda que agora o tape a mascarilla sempre temos un sorriso de agradecemento. Porque ti nos importas… :)”. Estes son algúns dos motivos que o Concello ofrece nesta campaña para mercar no comercio de proximidade.

2020-04-29 - FacebooK_1_Cartel_Dia_Nai_Pequeno_Comercio-12020-04-29 - FacebooK_2_Cartel_Dia_Nai_Pequeno_Comercio-2