Detido en Vigo un sextuaxenario de Gondomar tras tentar agredir á Policía Local

Esta mesma noite, ás 23:55 horas, unha Patrulla da Policía Local de Vigo atopábase na Praza de América realizando vixilancias, no contexto dos desprazamentos de vehículos pola zona. Os axentes observaron un turismo que circulaba sen facer uso da iluminación, motivo polo que procederon a deter o vehículo. Unha vez realizada esa acción, comprobaron que no interior viaxaban dous ocupantes, un á beira do outro, incumprindo as instrucións de desprazamento definidas no Real Decreto do Estado de Alarma.

Preguntado polo motivo do desprazamento, e se tiñan xustificante a ese respecto, o condutor comezou a mostrar unha actitude hostil cara aos axentes, negándose a colaborar de ningún xeito e increpándolles. Convidándolle a que se tranquilizase, lonxe de facelo, apeouse do vehículo e dirixiuse cara a ambos os dous compoñentes da Unidade con clara intención de agredilos, sendo freado polo seu acompañante, S.M.S.C, de Vigo e 47 anos de idade.

Como queira que non se identificou, convidóuselle a facelo, informándolle que de non atender o requirimento cometería unha desobediencia grave, momento en que, alzando o puño tratou de golpear a un dos policías, que conseguiu esquivarlle, para acto seguido proceder á súa inmobilización e inmediata detención pola comisión dun delito de desobediencia grave e atentado a Axentes da Autoridade.

No momento da súa detención mostrou unha gran resistencia activa proferindo ameazas graves dirixidas aos axentes. O detido, J.C.L, de Gondomar e 62 anos de idade, e o seu acompañante, foron denunciados a maiores por incumprimento do Real Decreto do Estado de Alarma.