Povisa repartiu esta semana preto dun centenar de cartas anónimas de apoio entre os pacientes con Covid-19 ingresados en planta.
Desde o comezo da pandemia, Povisa recibiu a través de distintos medios decenas de cartas enviadas por nenos, adultos e tamén persoas maiores dirixidas a pacientes afectados pola enfermidade e ao persoal do hospital con mensaxes de ánimo, experiencias, poemas, relatos e mensaxes de todo tipo.
As misivas chegaron a través da web habilitada para ese efecto polo grupo Ribera Salud e tamén directamente ao hospital vigués, moitas delas escritas por veciños da cidade e da área metropolitana. Hai algunhas remitidas por alumnos dos colexios CPR Esperanza de Cabral e Santa Cristina de Lavadores, que inclúen debuxos realizados polos nenos. Outras proceden de asociacións, Ong e, sobre todo, cidadáns particulares que quixeron compartir a súa experiencia e mostrar a súa solidariedade e apoio de forma altruísta.
As cartas foron clasificadas e plastificadas, e finalmente repartidas por parte do persoal de Enfermería dentro de cartafoles aos pacientes ingresados en planta con Covid1-9, que as recibiron con emoción. Nalgúns casos foron as enfermeiras as que leron as misivas aos pacientes de maior idade ou cun estado de saúde máis delicado.
Povisa, que ofrece televisión e videoconferencias gratuítas aos pacientes con Covid-19, deu un paso máis para compensar as esixentes condicións de illamento ás que están sometidos, fomentando así o contacto co exterior.

