“Nigrán necesita un goberno coa determinación necesaria para sacar o PXOM adiante”

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // María José Pino.

O Partido Popular de Nigrán considera que o alcalde socialista, Juan González, malgastou unha vez máis a oportunidade de desbloquear a cesión do contrato de redacción do PXOM. “A súa incapacidade de xestión é xa insustentable -comenta María José Pino- xa que tras 7 meses segue levando a Pleno unha cesión sen garantías, cun informe desfavorable do arquitecto municipal que desde outubro segue sen aclararse”.

“Nigrán necesita un goberno coa determinación necesaria para sacar o Plan adiante. Parece que o alcalde ten medo a levar a aprobación provisional o documento un ano antes das eleccións, e escóndese detrás de informes desfavorables para non enfrontarse a iso. Leva a pleno unha proposta a propósito de que os informes do secretario municipal dubidan da garantía legal da cesión. Aínda así, o alcalde socialista lévao a Pleno, para que sexa a oposición quen lle siga dando a coartada que busca”, engade a presidenta dos populares.

María José Pino pregúntase “como é posible que o que non foi capaz de arranxar en 7 meses quéirao emendar agora nun pleno extraordinario, co consecuente gasto extra para as arcas municipais. Nigrán leva 3 anos á deriva en materia de urbanismo, despois de que o goberno popular aprobase en 2013 inicialmente o PXOM”.

A presidenta dos populares conclúe dicindo que “en 2013 eramos conscientes de que levar adiante un PXOM leva un desgaste, pero foi unha decisión que tomamos con responsabilidade polo ben de todos. O actual alcalde está a actuar con irresponsabilidade e escóndese detrás de informes para non seguir adiante coa tramitación do PXOM. Facía máis desde a oposición que agora no goberno, onde sente máis cómodo. Nigrán necesita un goberno con determinación e capacidade de xestión, e non unha política de palmadiña no ombreiro para contentar a todos”.

Anuncios