Nigrán inviste 6.700 € na substitución das luminarias do Campo de Condomínguez por LED

O Concello de Nigrán vén de substituír os 30 focos que iluminan o terreo de xogo do Campo Municipal de Condomínguez por nova tecnoloxía LED, investindo niso un total de 6.700 euros que serán rapidamente recuperados grazas ao importante aforro enerxético que supón este troco. Paralelamente, vén de fornecer con 8 toneladas de caucho o céspede artificial desta instalación e da de Vilariño, ademais de cepillarse cadanseu céspede con maquinaria da Deputación de Pontevedra.

“Queremos que cando os equipos poidan volver a adestrar se atopen cunhas instalacións melloradas, os clubs xa perderon a tempada e, polo menos, cando regresen darlles a benvida coas súas peticións cumpridas”, indica o alcalde, Juan González, quen aposta pola renovación LED en toda a iluminación pública do municipio por “sostibilidade ambiental e tamén económica”.

Un gran número das antigas luminarias de Condomínguez, de vapor de sodio, estaban fundidas e, ao carecer de illamento, presentaban múltiples avarías coincidindo cos días de choiva, polo que esta mellora era unha demanda da ED Val Miñor, que emprega estas instalacións municipais durante todo o ano, sendo esencial unha boa iluminación para desenvolver dun xeito óptimo os adestramentos (especialmente no inverno, cando as horas de luz natural se reducen drasticamente). Así, estes focos foron substituídos por outros novos tipo LED de 200 W cada un, o que supón un importantísimo aforro no consumo enerxético.

“Supoñen un importante aforro enerxético, xa que a redución da potencia de consumo será entre de o 51 % e o 80 %, o que ao mesmo tempo implica diminuír as costas de funcionamento das instalacións de iluminación pública e, sobre todo, permítelle ao Concello optimizar o gasto enerxético neste ámbito”, conclúe o rexedor.