Sin categoría

OVALMI baralla a posibilidade de crear unha plataforma de venda on-line para o comercio do Val Miñor

A Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor (OVALMI), reunirase cos tres concellos do Val Miñor buscando apoio en iniciativas que axuden aos empresarios do val despois da pandemia do COVID-19. O sábado 18 e este luns 20, reuníronse co alcalde e a concelleira de Comercio de Gondomar, diferentes asociacións e varios empresarios da hostalería do municipio, en busca de solucións para paliar a crise á que se enfronta este sector, unha vez que se permita a apertura dos seus negocios.

Este tipo de reunións manteranse no tempo e estenderanse ao resto dos sectores produtivos, co fin de buscar solucións aos problemas que se lles están presentando ou que se poidan presentar ao longo deste ano tan complicado. “Desde OVALMI somos conscientes que todos os empresarios pasarán e están a pasar por momentos moi complicados durante estes meses, pero sen dúbida, a hostalería é o sector cunha maior incidencia, xa que a súa apertura está prevista que se produza en último lugar e a súa data non está aínda clara, pero non se prevé que sexa de maneira próxima no tempo”.

“Somos conscientes que aínda que se levante o confinamento, os clientes terán medo a saír de casa durante unha tempada, por esta razón estamos a barallar a posibilidade de crear unha plataforma de venda on-line para os pequenos negocios do Val Miñor. Con esta acción pretendemos evitar, na medida do posible, as compras en grandes plataformas como Amazon e que os pequenos comercios poidan empezar a vender”.

A Asociación pediu vía rexistro do Concello de Nigrán que non se cobren as terrazas aos establecementos hostaleiros este ano e que se expoña unha redución ou exención en taxas como o lixo, IBI e outras, para os establecementos que non puideron abrir ou que sufriron graves perdas nos seus ingresos por mor da declaración do estado de alarma en España.

Estas iniciativas exporanse, de igual maneira, na reunión que se manterá o 24 de abril co Concello de Baiona. Ao longo destes días, desde OVAMI está a xestionarse a compra de máscaras, pantallas e demais material de protección, para poder garantir que todos os empresarios poden traballar coa maior seguridade posible. “Moitos dos nosos asociados atopábanse con graves problemas á hora de conseguir EPI’s para poder desenvolver o seu traballo de forma segura, por esta razón estamos a tentar conseguir todo aquilo que necesiten, ao mellor prezo posible”.

A través das súas redes sociais, OVALMI lanzou unha campaña de apoio aos negocios do Val Miñor, “Merca nos negocios do Val Miñor!! Entre todos manteremos vivo o noso pobo”. OVALMI quere poñer de relevo o gran esforzo que están a facer tanto os seus asociados como o resto de empresarios nestes momentos tan convulsos e incertos e dar as grazas aos concellos de Nigrán, Baiona e Gondomar pola súa colaboración e a súa boa disposición á hora de buscar solucións para tentar paliar as graves consecuencias económicas producidas polo COVID-19.