O Sergas inicia mañá o estudo epidemiolóxico galego do COVID-19

O Servizo Galego de Saúde comezará mañá a realizar a primeira das dúas ondas de test que conforman o estudo epidemiolóxico deseñado pola Xunta de Galicia co obxectivo de definir a auténtica dimensión da epidemia da COVID-19. Así, a segunda da súas fases, terá lugar dentro de catro semanas.

Con esta análise, a Consellería de Sanidade procurará un triple obxectivo: estimar a prevalencia da inmunidade fronte ao COVID-19 nas diferentes localidades galegas, definir cal é a súa repercusión de acordo ás variables de sexo e idade, e, finalmente, monitorizar a evolución da epidemia durante o período de tempo en que se produza a recollida da información.

O Sergas deseñará un mapa epidemiolóxico de Galicia a través de dúas mostras de 50.925 persoas distribuídas entre as diferentes comarcas e concellos galegos. Así, e dun xeito aleatorio, o Instituto Galego de Estatística (IGE) seleccionou en primeiro termo, un mínimo de 600 persoas en 38 áreas territoriais que agrupan a todas as comarcas e, de seguido, distribuíu proporcionalmente os restantes test segundo a súa densidade de poboación, até chegar as 50.925 mostras por fase.

Nas sete grandes cidades galegas, a realización de probas desta primeira onda será de 4.800 en Vigo, 3.500 en A Coruña, 2.800 en Ourense, 2.150 en Lugo, 1.900 en Pontevedra, 1.650 en Santiago e 1.500 en Ferrol.

A Consellería de Sanidade, a través dos seus recursos asistenciais, encargarase tanto da realización dos test como da recollida da información e, desde mañá, comezará a citar a cada unha das persoas seleccionadas de xeito aleatorio polo IGE . Ademais, o Instituto Galego de Estatística será o encargado de enviar o listado coas persoas seleccionadas a cada un dos centros de saúde das áreas territoriais definidas.

A citación ás probas realizarase mediante contacto telefónico con cada unha das persoas seleccionadas e, tras realizárselles unha pequena enquisa concretarase unha cita para facer o test no centro de saúde especificado. Neste senso, a toma da mostra consistirá nunha punción dixital que tras ser introducida nun medio reactivo, indicará se esa persoa tivo contacto coa COVID-19 ou non. Ademais, no caso de que a persoa seleccionada para realizar a proba se atope encamada, o persoal do centro desprazarase até o seu domicilio. Cabe subliñar que os resultados das probas comunicaranse no mesmo día da súa realización, por medio dunha nova chamada telefónica.

A mostraxe do IGE garante a representatividade do COVID-19 en Galicia

O Instituto Galego de Estatística (IGE) encargouse de determinar o tamaño dunha mostra coa que poder debuxar o mapa epidemiolóxico das catro provincias galegas. Así, a poboación que será obxecto de investigación serán as persoas que dispoñan da tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde e que, tras ser escollidas dun xeito aleatorio, permitirán estratificar a influencia da pandemia por áreas territoriais; a prevalencia do virus segundo os diferentes tramos de idade (0-18 anos,19-64 anos e 65 ou máis anos) e o seu sexo.

O estudo epidemiolóxico permitirá ter unha visión máis nítida e ampla do COVID-19 en Galicia, e incide en que esta investigación repercutirá dun xeito beneficioso en toda a poboación, particípese ou non na toma de datos pois, os resultados do proxecto, permitirán acadar un coñecemento profundo da epidemia do COVID-19, permitindo adoptar as medidas sanitarias e de confinamento máis axeitadas; coñecela súa incidencia de acordo as variables de sexo, idade, área territorial; poder programar ordenadamente o regreso á normalidade dos sectores produtivos e, sobre todo, poder anticiparse perante a posibilidade de novos contaxios potenciais.