Esta situación atípica modificou a nosa vida, e tamén a vida escolar. No CPI de Cova Terreña están a traballar arreo para que o seu alumnado poida continuar formándose coa calidade que merece.
Colaboran con eles o Concello de Baiona e os servizos de Protección Civil, os cales realizaron este martes a entrega de paquetes para o alumnado de 1º de Educación Primaria con cadernos de traballo e material necesario para seguir as clases dende as súas casas e salvagardar aos nenos e ás súas familias, evitando así numerosos desprazamentos. Esta decisión foi tomada vendo que a situación se alonga no tempo e para minimizar as dificultades das familias para o acceso ao material impreso.
Están á disposición das familias para todo o que precisen nos teléfonos do centro (886120001 – 886120004 – 886120006) e tamén no seu correo electrónico cpi.cova.baiona@edu.xunta.es, facilítanse libros, material escolar funxible e material informático ao alumnado que así o precise. Para aquelas necesidades que exceden das súas competencias derivan ás familias aos servizos da Concellería de Servizos Sociais no teléfono 986385926.
“O alumnado é o obxectivo primordial do centro e xuntos forman unha gran familia. Agardamos ver pronto eses sorrisos e seguir medrando con eles”, afirma Isabel Martínez Cabaleiro, directora do centro.

