O equipamento sanitario remitido polo Goberno á Xunta supera os 3,17 millóns de unidades

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, informou hoxe da entrega de 3.177.046 unidades de material sanitario á Xunta desde o inicio do estado de alarma.

O material enviado á institución autonómica inclúe 1.896.224 máscaras, 1.151.107 luvas, 15.102 buzos, 9.538 solucións hidroalcohólicas, 9.286 batas, 6.942 lentes de protección, 85 dispositivos de ventilación mecánica non invasiva e 21 dispositivos de ventilación mecánica invasiva e 30.741 unidades doutro material como calzas, mandís, cubremangas ou gorros. Ademais, remitíronse 58.000 test de diagnóstico rápido.

Javier Losada destacou a coordinación no envío do material sanitario de forma que as cifras crecen cada día e asegurou que estas entregas continuarán nas próximas semanas. Insistiu en que o Goberno mantén o seu compromiso de reforzar o Sistema Nacional de Saúde e apoiar á sanidade galega para levar a cabo a batalla contra o virus nas mellores condicións posibles.

PAPEL DAS SUBDELEGACIÓNS DO GOBERNO

Ademais das entregas á Xunta, Javier Losada lembrou que o Goberno iniciou a semana pasada a repartición de máscaras a traballadores e persoal de institucións sociais, benéficas e asistenciais. O delegado do Goberno destacou o papel das Subdelegacións do Goberno nas catro provincias que organizaron a loxística destas entregas. Así, felicitou aos seus catro responsables e a todo o persoal que coordinou a Policía Nacional, Garda Civil, policías locais, Protección Civil e persoal propio.

Esta estratexia de repartición de máscaras comezou coa entrega de unidades a traballadores e usuarios do transporte público para proseguir con institucións, colectivos profesionais e asociacións de empresarios, centros de maiores e de asistencia a persoas con discapacidade e vulnerables. En total Galicia dispón dun primeiro lote de 602.000 máscaras para estas entregas, cuxa maior parte xa foi repartida.