A UVigo mantén a actividade docente e os exames ao non cumprir o chamamento á folga

Transcorridos cinco días desde o inicio da folga indefinida convocada pola organización de estudantes Anega , coa que demandan a finalización do curso coa superación automática das materias, a Universidade de Vigo mantén a actividade docente virtual e os exames convocados. E é que segundo explica o reitor, Manuel Reigosa, a convocatoria de Anega non cumpre ningún dos dous requisitos que o artigo 64, no seu apartado n), dos Estatutos da Universidade de Vigo contempla para o recoñecemento do paro académico: que exista un aviso con 15 días de antelación (o comunicado de folga de Anega chegou o venres pasado) e unha decisión maioritaria do alumnado, adoptada, ben no centro, ou en toda a institución. “Os nosos Estatutos son seguramente os máis avanzados do Estado no recoñecemento do paro académico. Cando nun centro ou en toda a Universidade, a maioría do alumnado decide secundar un paro académico suspéndese a actividade docente de xeito que non se pode impartir clase, nin facer probas ou exames”, sinala o reitor, que apunta que no caso da convocatoria de Anega ao non cumprirse estes dous requisitos, mantense a actividade docente, incluíndo todos os exames convocados.

Sen poñer en cuestión o dereito a convocar unha folga que ten Anega ou calquera outra organización de estudantes, asi como o dereito do alumnado a secundala, abandonando a actividade docente e non presentándose a exames, Reigosa incide en que “esta folga en concreto non se considera como paro académico tal e como está nos nosos Estatutos. Pero iso non debe facer dubidar en absoluto da legalidade do chamado feito por ANEGA”.

Rematar o curso nas datas previstas e aberto ao diálogo

Fronte ás reivindicacións de Anega de que o curso remate xa, se dea aprobado xeral e non compute para a media, Reigosa reitera a proposta do equipo reitoral que desde o inicio da pandemia defendeu que o curso remate nas datas previstas e se avalíe con equidade e cos medios axeitados. “ A resposta da comunidade universitaria é bastante coincidente con esta proposta, aínda que se estea a producir un incremento do traballo do persoal docente e do estudantado. En todo caso, eu estarei encantado de ter con Anega unha xuntanza, virtual, loxicamente”, avanza o reitor.

Manuel Reigosa defende que cos novos Estatutos a Uvigo puxo en funcionamento un sistema “que é moi bo para que a representación do estudantando faga sentir a súa voz e ter unha canle para facer chegar propostas”, ao tempo que lembra e existencia do CEUVI, Consello de Estudantes da Universidade de Vigo, elixido democraticamente e co que mantiveron unha xuntanza de varias horas na que se acordaron algunhas medidas, como levar ao vindeiro Consello de Goberno unha suspensión temporal de parte da normativa de permanencia, “o que non estaba aínda previsto. Mentres, no resto das medidas tivemos bastante debate pero tamén bastantes acordos”. Ademais de con CEUVI, o equipo de goberno mantivo nas últimas semanas xuntanzas con outras organizacións de estudantes e delegacións de alumnos dos tres campus, así como con grupos de estudantes con problemáticas específicas, non obstante recoñecen non recibir ningunha solicitude por parte de Anega.

Un estudantado comprometido coa calidade do ensino e parabéns á comunidade universitaria

No transcurso das reunións mantidas estas semanas con diversos colectivos de estudantes, Reigosa asegura constatar una postura maioritaria do alumnado de absoluta responsabilidade. “En ningunha das dez ou doce xuntanzas que tivemos con distintos colectivos, plantexouse unha proposta de aprobado xeral. Síntome orgulloso de que o estudantado teña este compromiso coa calidade do proceso de ensino – aprendizaxe, e eles deben estar satisfeitos cos representantes que elixiron, porque están a negociar con firmeza os dereitos de todos, tentando que o final de curso sexa o máis acaído posible en termos do sobresforzo que o alumnado está a ter, e de obter unha avaliación xusta e correcta”, sinala o reitor.

A adaptación para pasar da docencia e avaliación presencial á virtual recoñece Reigosa que é unha tarefa “certamente difícil, pero co esforzo de todos chegaremos a final de curso en prazos e cunha capacitación real do alumnado, que vai a obter as competencias necesarias, e cun proceso de avaliación que eu espero que sexa axeitado”. Por esta razón, o reitor agradece e traslada os seus parabéns ao profesorado polo sobresforzo e a flexibilidade que están a amosar para adaptarse a esta situación; ao alumnado por facer o mesmo e tamén ao PAS , “que pasou a facer traballo non presencial dun día para outro”.

Anuncios