Nigrán ofrece atención psicolóxica e apoio emocional aos maiores de 70 anos que viven sos

O Concello de Nigrán, ante a situación derivada do estado de alarma que pasa xa dun mes, vén de crear un servizo de atención psicolóxica telefónica para persoas que están a ter dificultades emocionais polo confinamento. Atendido directamente por unha psicóloga, este estará operativo os mércores e xoves de 10:00 a 14:00 horas mediante cita previa en psicologa@nigran.org ou 650271896 (chamando mércores ou xoves). Paralelamente, desde o Concello estase a contactar telefonicamente (ou mediante carta se o número non aparece no padrón) con todas as persoas maiores de 70 anos que viven soas co obxectivo de facerlles un seguimento, ofrecer conversa, compañía e, ao mesmo tempo, incidir en que poden empregar o servizo municipal de axuda ante o Covid-19 (onde poden xestionar a compra e entrega a domicilio de alimentos, menciñas, libros… ou calquera outra necesidade).

“Dado que o confinamento xa pasa dun mes, consideramos que é preciso crear este servizo de apoio psicolóxico telefónico porque moitas persoas poden estar a sentir angustia, soidade, tristura ou situacións de conflito familiar… E ademais, reforzamos esta acción con chamadas a todos os maiores que o viven en completa soidade”, explica o alcalde, Juan González, quen subliña que, desde a Concellería de Maiores, a propia edil María Mayán leva semanas contactando con todas estas persoas que superan os 70 anos para facer un seguimento de cada situación concreta e ofrecer conversa, completándose isto coa entrega de cartas a domicilio onde se incide na existencia do servizo municipal de axuda ante o Covid-19. A partir de agora, en caso de detectar neles un problema emocional, serán derivados ao novo servizo psicolóxico do Concello para recibir unha terapia máis exhaustiva.

“Nas chamadas se lles pregunta como se atopan e se precisan algo, tamén se lles ofrece conversa para aliviar a sensación de soidade que poden estar a sufrir agora especialmente”, incide María Mayán. “Agradecen infinitamente a chamada porque para eles significa que non están sos, que teñen unha persoa en concreto a quen recorrer se o precisan e que o Concello os ten en conta; despois da presentación inicial e da súa sorpresa ante a chamada acabamos falando de calquera outro tema porque, loxicamente, teñen necesidade de socializar e de sentirse escoitados. É moi gratificante”.