Baiona prorroga o contrato de Servizo de Atención a Domicilio

O Concello de Baiona vén de prorrogar, mediante unha resolución de Alcaldía, o contrato de prestación do Servizo de Atención a Domicilio que remataba este vindeiro luns 20 de abril. A decisión de prorrogar este servizo é unha competencia do Pleno da Corporación Municipal pero, as excepcionais circunstancias provocadas polo estado de alarma, fixeron precisa a adopción desta medida “tan extraordinaria como urxente”, sinala o alcalde Carlos Gómez.

En todo caso, e como paso previo á resolución de Alcaldía, Carlos Gómez puxo este feito en coñecemento dos portavoces dos distintos grupos políticos da Corporación “que foron quen de entender a urxencia da situación e as circunstancias únicas que se estaban a dar”. Precisamente por iso, o rexedor de Baiona quixo expresar publicamente o seu agradecemento aos grupos municipais que co seu apoio “amosaron un alto grao de responsabilidade e compromiso”.

Non nos cansaremos de repetir, subliñou o alcalde de Baiona, “que en circunstancias extraordinarias temos que adoptar medidas extraordinarias” e, nese sentido, lembrou o rexedor baionés que “os concellos como primeira liña nesta loita, temos que adoptar decisións rápidas para dar solucións aos problemas da cidadanía”.

O Servizo de Atención a Domicilio, que é un servizo dunha extraordinaria importancia en tempos normais “convértese en absolutamente imprescindible nestes tempos de emerxencia sanitaria”, apuntou Gómez, polo que o Concello “tiña a obriga de adoptar esta decisión urxente para que as usuarias e usuarios non quedaran desatendidos xusto cando máis falta fai”.