O Banco de Alimentos lanza a súa primeira Operación Quilo online

A Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo lanza a súa primeira Operación Quilo online impulsada polo cantante Amaro Ferreiro e un amplo grupo de amigos seus que queren axudar ás persoas máis vulnerables durante o actual estado de alarma polo Covid-19.

Debido á prohibición expresa de realizar recollidas de comida presenciais por voluntarios nos supermercados e tras incrementarse de maneira substancial a petición de alimentos por parte dos colectivos sociais, a ONG habilitou a compra de cestas solidarias con distintos produtos básicos, a través da súa web. O doante poderá sumarse á campaña online adquirindo tres tipos de cestas con alimentos por importe de 10€, 20€ e 30€, así como poderá prefixar unha cantidade de diñeiro calquera que tamén se traducirá na adquisición de comida.

A campaña deseñada co hashtag #yoayudoalbancobueno xorde para dar resposta á mobilización solidaria dun grupo de Whatsapp encabezado polo cantante Amaro Ferreiro e no que tamén está o seu irmán, Iván Ferreiro, a escritora Ledicia Costas, o surfista Gony Zubizarreta ou o xornalista Gonzo (padriño do Banco de Alimentos en 2016), entre outros.

Por parte do Banco de Alimentos de Vigo agradécese publicamente esta iniciativa social e anima á cidadanía para realizar as súas doazóns vía online para poder seguir arroupando ás familias sen recursos.

Actividade en pleno Covid-19

Desde que se decretou o estado de alarma polo coronavirus, a ONG seguiu adiante co seu labor humanitario, rebaixando o número de voluntarios presentes diariamente na súa nave de Lavadores. Na actualidade, adiantáronse xa todas as entregas de alimentos do mes de abril e repartiuse tamén os máis de 300.000 quilos de comida procedentes do Fondo de Axuda Europea para os Máis Desfavorecidos (FEAD). Día a día, persoal do Banco de Alimentos recolle as diminucións de distintas superficies comerciais e entréganas directamente aos comedores sociais aos que axuda.

O Banco de Alimentos de Vigo, que acaba de cumprir 25 anos de actividade, repartiu ao redor de 1,8 millóns de quilos de alimentos durante 2019, atendendo a 20.000 persoas desfavorecidas na provincia, a través das 150 entidades homologadas coas que traballa. A entidade non reparte comida a particulares, senón que chega a eles mediante os colectivos sociais cos que colabora. A ONG, que se caracteriza por ser apolítica e aconfesional, dedica os seus esforzos para facer cumprir un dos dereitos humanos máis fundamentais: o acceso a unha alimentación suficiente, segura e saudable de maneira gratuíta. Actualmente, cobre o 35% das necesidades das persoas ás que axuda.