Sin categoría

Aprazados os “Premios Nigrán” ata o outono

O Concello de Nigrán aprazará ao outono a celebración da gala dos IX Premios Nigrán, prevista para este sábado 18 de abril, e propoñerá modificar o formato de xeito excepcional para recoñecer as diferentes iniciativas na loita contra o Covid-19 no municipio. O goberno local trasladará á oposición e ás diferentes entidades que con anterioridade á crise sanitaria xa realizaran propostas, a opción de que estas se pospoñan para a décima edición, xa no 2021.

“A magnitude desta crise sanitaria consideramos que obriga a modificar o formato da gala para poder homenaxear ás persoas, empresas e profesionais que se están a entregar altruístamente a loitar nesta causa. 2020 non será recordado na Historia como un ano normal e os Premios Nigrán deben saber adaptarse a estas circunstancias”, explica o alcalde, Juan González, quen incide na idea de manter as propostas previas realizadas polas entidades para a vindeira edición de 2021, “non sería xusto obvialas cando elas fixeron as súas achegas en tempo e forma”. Deste xeito, o propio rexedor convocará unha reunión coa oposición e as asociacións, unha vez que as circunstancias regresen á normalidade, co obxectivo de consensuar esta novena edición e, conseguintemente, a de 2021.

O xa consolidado acto institucional dos “Premios Nigrán” pretende ser un recoñecemento público de todo o pobo de Nigrán á traxectoria dos premiados, e os estes se dividen desde a súa orixe nas categorías de mérito educativo, cultural, empresarial, social e deportivo. Así mesmo, a proposición de candidatos parte non só do goberno, senón tamén da oposición e de todas as entidades de Nigrán que desexen participar.