Podemos Nigrán solicita medidas de actuación fronte ao ocorrido en Patos

Desde o 21 de marzo, data da primeira morte nunha residencia en Galicia, ata o 10 de abril, morreron 168 persoas, das cales 87 foron nos propios centros (datos da Xunta de Galicia). En vista dos dous casos confirmados na residencia de tempo libre de Patos en Nigrán, un deles asintomático, desde o Círculo de Podemos Nigrán esixen con urxencia á Xunta de Galicia que tome as seguintes medidas:

• Intervención e medicalización da residencia.

• Dotar a esta residencia, e outros centros asociados, de persoal cualificado a través das listas de contratación do SERGAS ou outras vías que sexan precisas xa aprobadas anteriormente en resolución conxunta aprobada o 23 de marzo entre a dirección do SERGAS e a Consellería de Función Pública de Galicia.

• Se dote de material de protección EPIs ás persoas traballadoras dos centros e ao persoal sociosanitario que dea cobertura nos devanditos centros e ao propio persoal de intervención da Xunta e do SERGAS.

• Aplicar neste centro protocolos de illamento e traslado, de ser preciso, para persoas infectadas ou sospeitosas de padecer a infección para centros hospitalarios ou medicalizados.

• Dotar ao centro de tests PCR de comprobación e persoal cualificado para a realización dos devanditos tests.

• Seguimento diario por parte do persoal sociosanitario destas persoas e creación de canles de comunicación e de información diaria coas familias.

Así mesmo, outras medidas que se deben tomar no tocante ás persoas maiores que se recuperen e sexan dadas de alta son:

• Recolocación das persoas usuarias da residencia, que non teñan outra opción de habitabilidade posible, que se recuperasen do Covid-19, en centros adecuados de forma temporal para evitar que volvan aos seus centros de orixe que están a ser intervidos e medicalizados, evitando así unha exposición innecesaria por moi pequena posibilidade que haxa.

• Comprobación dos negativos das persoas dadas de alta e recolocadas encadradas no punto anterior, mediante a realización de dobre test PCR e dobre test anticorpos nos períodos de tempo recomendados e efectuados por persoal sanitario do SERGAS, así como comprobación polos mesmos mecanismos do persoal de coidados sociosanitarios destes centros.

• Crear un protocolo de habitabilidade e asistencia protocolaria e de suplir as necesidades de alimento, fármacos e hixiene para persoas sen fogar que estean hospitalizadas polo Covid-19 e que sexan dadas de alta.