Máis de 80 actuacións da Brilat na provincia de Pontevedra

A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, manifestou a súa satisfacción polo traballo realizado polos membros da Brilat na provincia de Pontevedra. En concreto, sinala as máis de 80 intervencións realizadas polos especialistas en riscos NRBQ que percorreron todas as comarcas pontevedresas. O traballo máis importante foi a desinfección das residencias de maiores utilizadas por máis de 3.500 persoas usuarias das 47 residencias da terceira idade nas que se actuou en traballos de desinfección.

Maica Larriba sinalou que “durante este último mes actuouse na desinfección de 47 residencias de maiores. En concreto, 18 na comarca de Vigo –entre elas Bellavista Care, Stella Maris, A Fortaleza e Bo Día en Nigrán, ou Vila do Conde en Gondomar-, outras tantas en comarcas de Pontevedra, Paradanta, Condado e Tabeirós, que xunto ás 10 en Deza e Baixo Miño e 4 intervencións en residencias de Tui e Tomiño foron desinfectadas as zonas onde conviven máis de 3.100 residentes.

Por outra banda, na comarca de Arousa actuouse en tres residencias de anciáns situadas en Ribadumia, Vilagarcía e Cambados, ás que hai que sumar as desinfeccións na zona do Morrazo, en concreto, en Marín e Cangas.

Ademais dos centros residenciais para maiores, a Brilat tamén participou na desinfección da contorna do Centro de Saúde de Caldas e case que un centenar de vivendas tuteladas en localidades como Vigo, Redondela, Rodeiro, Pontecaldelas e Forcarei. Tamén en Vigo leváronse a cabo acciones en catro centros de inserción social e drogodependencia entre os que destaca polo seu volume o centro de inserción “Carmen Avendaño”.

Por outra banda, a semana pasada estendeuse a desinfección integral ao Centro Penal da Lama onde os membros das brigadas recibiron unha emotiva homenaxe por parte dos presos.

Desde un principio, Maica Larriba manifestou a súa preocupación polos datos que se ían coñecendo sobre os contaxios nas residencias de maiores e colaborar desde a administración periférica nos servizos urxentes que fosen necesarios en as competencias autonómica. Por iso, nas instalacións da residencia de Barreiro en Vigo, a actuación duplicouse para maximizar a efectividade na hixienización e do mesmo xeito que na de Domus VI situada en Cangas ou na residencia de maiores dependentes de Vigo.

Finalmente, Larriba quixo agradecer “a dispoñibilidade que atopou nos mandos da Brigada Galicia VII, sendo unha vez máis, excelentes motores de colaboración imprescindible nos labores de vixilancia e de accións de protección tal como demostraron en tantas outras ocasións na nosa provincia. Un labor que coñecemos desde a súa incansable loita contra os incendios e agora coa pandemia sanitaria”.