Un dos maiores trasladados á residencia de tempo libre de Patos dá positivo en Covid-19

FOTO: JV LANDÍN // Un dos maiores chegando á Residencia de Tempo Libre de Patos.

Un dos maiores trasladados á residencia de tempo libre de Patos, en Nigrán, deu positivo en Covid-19, segundo confirmaron fontes da Consellería de Política Social. Desde que presentou síntomas foi illada no propio centro, e posteriormente trasladada ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

A Xunta trasladou a Nigrán a 21 usuarios sans procedentes das residencias DomusVi Cangas e Barreiro de Vigo despois de realizarlles tres probas, dúas de PCR e unha de anticorpos, con resultado negativo en todas elas. Non se descarta ningunha hipótese sobre o contaxio, aínda que existe a posibilidade de que o período de incubación da enfermidade nesta persoa fose máis prolongado do habitual.

As residencias DomusVi de Cangas e Barreiro foron as dúas primeiras intervidas pola Xunta de Galicia debido ao elevado número de contaxios nas súas instalacións. Segundo os últimos datos actualizados, a residencia de Cangas contabiliza 93 contaxios activos entre usuarios e 17 entre traballadores, e a de Barreiro, 66 e 11, respectivamente. A esa cifra hai que engadir os que faleceron, que nos dous casos rozan a vintena.