Segunda xornada de repartición de máscaras en Baiona, Gondomar e Nigrán

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, constatou hoxe a responsabilidade da sociedade galega e a súa excelente resposta fronte ao COVID-19 durante a segunda xornada de repartición de máscaras, que tivo lugar en 260 puntos da Comunidade. As Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e Protección Civil continuaron coa distribución de 602.000 unidades de material sanitario.

Unha vez máis, o delegado do Goberno destacou o feito de que en Galicia non houbo nin aglomeracións nin problemas de distribución. Relacionou isto coa colaboración entre administracións e a responsabilidade cívica, á vez que insistiu no aumento da conciencia social dunha “sociedade comprometida” que é “consciente da emerxencia sanitaria”.

Tras a repartición, subliñou que segue calando a cultura de autoprotección, que se estende ás persoas usuarias e a aquelas que as rodean no día a día, un elemento crave para vencer ao virus. Por iso, a repartición en 260 puntos busca chegar ao maior número posible de traballadoras e traballadores, que deben extremar as precaucións no tránsito entre os seus domicilios e os seus postos de traballo.

O delegado do Goberno lembrou que o uso de máscaras “non é obrigatorio, pero si recomendable” e reflexionou, ademais, sobre a importancia de protexer tamén a quen está obrigados a continuar na rúa para loitar contra o virus como o persoal sanitario, as forzas de seguridade ou os traballadores de servizos esenciais como a alimentación.

Na provincia de Pontevedra as máscaras chegaron ás estacións de autobús e ferrocarril de Pontevedra e Vigo, ademais de aos accesos aos portos de Vigo, Marín e Vilagarcía de Arousa. Foron, tamén, a localidades como Ponteareas, Moaña, Cangas, Bueu, Mos, Porriño, Tui, A Guarda, Salvaterra, Arbo, A Cañiza, Baiona, Nigrán, Gondomar, Cambados, O Grove, A Estrada, Forcarei ou Lalín.