Membros de Protección Civil Val Miñor, Policía Local de Nigrán, Baiona e Gondomar e Garda Civil do Posto Principal de Baiona-Nigrán e do Posto de Gondomar, repartiron esta mañá no Val Miñor máscaras hixiénicas que o goberno de España fixo chegar esta mesma fin de semana a Galicia. Están destinadas para ás persoas que retomaban a súa actividade laboral, tanto aqueles que se desprazaban en vehículo particular como en transporte público e non poidan manter a distancia de seguridade axeitada. Entregáronse máscaras hixiénicas na entrada ao Polígono de Porto do Molle e na rotonda de Ureca en Nigrán, na entrada ao Polígono da Pasaxe en Vincios, na rotonda de Elduayen e na estación de autobuses en Gondomar, e na rotonda de entrada ao Porto e na zona da lonxa en Baiona.
Á provincia de Pontevedra chegaron en total 210.000 unidades que foron distribuídas pola Policía Nacional, Garda Civil e xunto a Protección Civil e Policía Local en diversos puntos onde a concentración de viaxeiros pode ser máis intensa para o desprazamento aos postos de traballo. Tal como explicou a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, “a distribución realizouse nos transportes públicos das cidades de Vigo, Vilagarcía, Pontevedra e Marín, ademais de nas estacións de tren, os accesos aos portos, polígonos industriais e naqueles nós de circulación onde os traballadores e traballadoras diríxense aos seus posto de traballo.
En total foron un centenar de puntos de distribución repartidos ao longo de toda a provincia de Pontevedra. Igualmente, repartíronse nas zonas de entrada dos polígonos empresariais como O Vao, O Campiño e Monteporreiro, na zona de Pontevedra, e Valladares, Caramuxo, Aeroporto e Zona Franca en Vigo. Ademais a distribución provincial chegou ata os polígonos industriais de Ponteareas, Nigrán e Lalín, baixo a vixilancia de efectivos da Garda Civil.
Larriba tamén lembrou que o uso destas máscaras non é obrigatorio aínda que si recomendable cando os traballadores e traballadoras non poidan manter a distancia de seguridade como medida de precaución sanitaria. A subdelegada do Goberno quixo agradecer, unha vez máis, “o esforzo da Policía Nacional, Garda Civil, policías locais e membros de Protección Civil por esta tarefa que mañá se repetirá na mesma franxa horaria co fin de protexer a traballadores e traballadoras fronte á Covid-19”.
Segundo as indicacións do protocolo de actuación do goberno central, mañá repetirase nos mesmos puntos de actuación, ademais de continuar o control do confinamento do estado de Alarma para o resto de actividades decretadas desde o 14 de marzo. Maica Larriba quixo lembrar a necesidade de seguir cumprindo a normativa de illamento por parte da cidadanía para levar a bo termo a loita contra esta pandemia, sendo especialmente escrupulosos nas medidas hixiénicas e nas recomendacións das autoridades sanitarias.




