O Goberno espera que as máscaras cheguen “ao maior número de traballadoras e traballadores”

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, esperou hoxe que as 602.000 máscaras enviadas polo Executivo á Comunidade e cuxa repartición comeza hoxe cheguen “ao maior número de traballadoras e traballadores” para mellorar a protección fronte ao COVID-19. Así se expresou con motivo do inicio da repartición do material sanitario, que empezou simultaneamente nas catro provincias á primeira hora de hoxe.

“Esta mañá empezamos a distribución de máscaras para os que volven ao traballo. Onte, o Goberno de España enviou a Galicia 602.000 máscaras e desde esta mañá están a repartirse nos principais nodos de transporte público das catro provincias galegas”, declarou.

A repartición realízase con especial fincapé nos grandes nodos de transporte público das cidades, así como nos accesos aos centros de emprego máis relevantes. “Estamos a facelo nunha acción coordinada coas subdelegacións do Goberno e coa colaboración do Policía Nacional e Garda Civil, así como co apoio das policías locais e agrupacións de protección civil dos concellos”, continuou.

Javier Losada subliñou que, coa cooperación da Xunta de Galicia, a repartición está presente “en estacións de autobuses, lanzadeiras de autobuses, estacións de trens e accesos aos principais polígonos industriais e empresariais, así como nos grandes centros de traballo de Galicia”, proseguiu.

“O obxectivo é chegar ao maior número posible de traballadoras e traballadores que se reincorporan á súa actividade laboral. A meta é que estes traballadores e traballadoras dispoñan de máscaras para os seus desprazamentos de casa ao traballo e do traballo a casa”, detallou.

O delegado do Goberno aclarou, como xa fixo o Executivo, que o uso das máscaras “non é obrigatorio, pero si recomendable”. Por iso, repártense estas 602.000 esperando que se facilite o acceso ao material sanitario á poboación.

“Todos xuntos, todos unidos, cumprindo co que di o estado de alarma, que é quedarse na casa, e só saíndo para o imprescindible, venceremos este virus”, resolveu.

No Val Miñor fixáronse catro puntos de entrega, o Porto de Baiona, a entrada ao polígono de Porto do Molle en Nigrán, o Polígono da Pasaxe en Vincios e a estación de autobuses de Gondomar.