Baiona reforza a seguridade coa incorporación de catro auxiliares de Policía Local

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, acompañado polo inspector xefe da Policía Local de Baiona, Pedro Alonso, recibiu na Casa do Concello a tres dos catro Auxiliares que pasarán a reforzar o cadro de persoal policial composto por doce efectivos ata o mes de xuño.

Estas novas catro incorporacións permitirán reforzar o servizo que presta a Policía Local na actual situación de crise sanitaria e de estado de alarma. Carlos Gómez salientaba que o feito que o municipio contará “cunha patrulla composta exclusivamente por dúas mulleres policías de contrastada experiencia” no que o rexedor local define como “un paso máis na procura dunha igualdade real entre homes e mulleres en todos os ámbitos, un dos obxectivos que nunca perde de vista o actual Equipo de Goberno”.

Ademais destes catro auxiliares chegados a Baiona a través dun convenio coa Xunta de Galicia, o Concello procederá no mes de xuño, unha vez que remate o contrato dos actuais auxiliares de Policía, á contratación doutros nove para reforzar o servizo “ante unha época estival que se presenta como unha auténtica incógnita”, asegura Carlos Gómez.

Anuncios