Hematoloxía do CHUVI realizou onte o seu transplante de medula número 12

O servizo de Hematoloxía do CHUVI, situado no Hospital Álvaro Cunqueiro, mantén a súa actividade de atención aos pacientes ingresados na Unidade de Hospitalización, que está completamente separada e illada das unidades hospitalarias de COVID-19.

O servizo, que dirixe a doutora Carmen Albo, realizou no dia de onte o seu transplante de medula número 12 desde que comezou o ano. A actuación foi un autotrasplante de células nai do propio paciente, un home ingresado na planta de Hematoloxía e diagnosticado de linfoma.

“A actual situación sanitaria que estamos vivindo non está condicionando a nosa programación, e a nosa actividade transplantadora mantense en niveis similares aos habituais”, explica o supervisor de enfermaría do servizo, Francisco Román. De feito, en Hematoloxía están agora mesmo ingresados 20 pacientes que necesitan estar no hospital por distintos tratamentos.

Os transplantes de medula lévanse a cabo na mesma habitación do paciente, con illamento inverso, o que supón estar nunha atmosfera de “presión positiva” para evitar calquera tipo de infección. A intervención realízaa un especialista en hematoloxía e persoal de enfermaría.

Da ducia de transplantes de proxenitores hematopoiéticos (medula ósea) que levan realizados no que vai de ano, 9 foron autólogos (autotransplantes) e os outros 3, aloxénicos (de doador). Estes últimos son os realizados con células nais sas, obtidas do sangue ou a medula ósea dun doador emparentado co paciente, ou dun doador non emparentado, con características xenéticas similares ás do enfermo.

Un servizo que é referencia

A unidade de Transplante de Proxenitores Hematopoiéticos (TPH) do servizo de Hematoloxía do CHUVI está acreditada polo Grupo Español de Transplante Hematopoiético para todas as modalidades de TPH en idade adulta: autólogo (autotransplante), aloxénicos (de doador emparentado e non emparentado), de proxenitores de sangue de cordón umbilical, e Infusión de linfocitos de doador.

“Hai que subliñar –asegura Román- que o servizo de Hematoloxía do Álvaro Cunqueiro realiza todo o proceso de transplante, dende a extracción dos proxenitores, a súa conxelación e conservación, e a posterior infusión ao paciente”.

Os transplantes autólogos son aqueles nos que poden utilizarse tanto a medula ósea como as células nai que circulan polo sangue do propio paciente. Unha vez extraídas e tratadas con medicación, vólvense a infundir ao paciente.

O transplante aloxénico emparentado é aquel no que non se poden usar as células propias do paciente e hai que buscar un doador, dentro da familia, que sexa compatible. O transplante aloxénico non emparentado é no que non poden utilizarse as células propias do paciente e tampouco hai un doador compatible dentro da familia.

Leucemia aguda, linfoma e mieloma múltiple son as principais enfermidades que poden beneficiarse dun transplante de médula.

O pasado ano, no hospital Álvaro Cunqueiro realizáronse 50 Transplantes de proxenitores hematopoiéticos (medula ósea) dos que 37 foron autólogos (do propio paciente) e 13 aloxénicos (de doadores). Dos aloxénicos, 7 foron de doantes non emparentados.

Anuncios