Espazo Aberto amplía os prazos do seu I Certame Literario Enrique Guerrero Serrano

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Presentación do Primeiro Certame de Xornalismo “Enrique Guerrero Serrano”.

Dada a situación especial que vive o noso país coa grave crise do coronavirus COVID-19 e co estado de alarma presentado polo Goberno, a Asociación Cultural do Val Miñor Espazo Aberto considera que os prazos do seu I Certame Literario Enrique Guerrero Serrano deben ser suspendidos para adaptarse ás necesidades e especial situación da sociedade.

Por iso, en acordo conxunto co xurado do devandito certame, a directiva acorda a ampliación do prazo de presentación de narracións ata o 15 de xullo, data na que se terá por pechado o prazo de entrega, manténdose o resto de condicións de resolución, premios e efectos.

Lembrar que o I Certame Literario Enrique Guerrero Serrano é un certame de narrativa e periodismo de recente creación que se presentou o pasado febreiro no Casino de Sabarís (Baiona). O certame está dotado con 2.000 € como premio íntegro para a mellor narrativa (de até mil palabras) da que se pide estilo periodístico, e temática sobre “O mar e as súas xentes”.

Os orixinais pódense enviar, en formato PDF, e baixo alcume, ao correo electrónico da asociación acvalminhor@gmail.com. Noutro documento se presentarán os datos do autor. Pódense consultar as bases nas redes sociais da asociación así como liquidar calquera dúbida ou consulta no correo da asociación.