Vithas Fátima pon en marcha as clases telemáticas de preparación ao parto

O Hospital Vithas Vigo iniciou esta semana as clases de preparación ao parto de maneira telemática para todas aquelas embarazadas (e as súas parellas) que están próximas ao alumeamento. Esta iniciativa, levada a cabo polo equipo de xinecoloxía e matronas do centro, é un paso máis no compromiso de garantir a continuidade asistencial en plena pandemia. De feito, desde un primeiro momento en que se decretou o confinamento domiciliario, os servizos de xinecoloxía-obstetricia e de pediatría teñen consultas telefónicas e presenciais nos casos urxentes.

Evidentemente, a evolución dos embarazos continúa independentemente do confinamento domiciliario; e os prazos continúan cumpríndose. Por iso, o equipo de xinecoloxía e matronas do Hospital Vithas Vigo continuou co seu labor asistencial habitual e adaptou os cursos de preparación ao parto ás actuais circunstancias.

Esta semana comezaron os cursos que, no canto de ser grupais, como é habitual, realízanse de maneira individual e vía telemática, preferentemente por videoconferencia, aínda que se non é posible, pódense realizar, tamén, por teléfono. Nalgúns temas nos que a comunicación con outras nais enriquece a formación farase multiconferencia. O sistema de conexión está pensado para que, independentemente da súa pericia técnica, sexa moi fácil establecer a comunicación.

Estes cursos de preparación ao parto, que adoitan comezarse na semana 28 de xestación, teñen como obxectivo solucionar as dúbidas e preocupacións da embarazada que se agudizan nesta situación de alerta sanitaria. É un seguimento e acompañamento que axuda a que as embarazadas sentan acompañadas e máis seguras, algo fundamental para o bo desenvolvemento da súa xestación e parto.

A carteira de servizos do Hospital Vithas Vigo en materia materno-infantil é unha das máis amplas e inclúe un destacado abanico de temas que van desde o fomento da lactación materna -segundo as recomendacións da OMS e de UNICEF-, ata consellos de seguridade viaria, pasando por dúbidas sobre o puerperio, parentalidade positiva; educación en familia, exercicios físicos, ou información sobre os permisos de paternidade e maternidade.

Continuidade asistencial

Estes cursos de preparación ao parto forman parte nunha atención integral ao embarazo que inclúe a atención telemática que ofrecen, sempre que é posible, os servizos de xinecoloxía-obstetricia, coordinado pola Dra. Rosa Darriba; e de Pediatría, que coordina a Dra. Mar Portugués. Este equipo multidisciplinar, como outros do Hospital, están a atender de maneira telemática aquelas consultas que non precisan dunha presenza física das mulleres ou dos seus fillos/as.

En cada unha destas consultas, o facultativo decide se é necesaria unha segunda visita presencial, ou se é precisa unha proba diagnóstica que se realizará no Hospital. Por exemplo, en xinecoloxía-obstetricia, sempre é necesaria unha consulta presencial nos casos de sangrado anormal, fluxo anómalo, ou ante a aparición dun vulto estraño durante a autoexploración mamaria.

O obxectivo destas consultas telefónicas é garantir a continuidade asistencial e a satisfacción das familias; e ao mesmo tempo, cumprir coas normas de confinamento domiciliario e de prevención de contaxios reducindo, ao máximo posible, os desprazamentos e contactos sociais de pacientes e profesionais.

Neste sentido, o Hospital Vithas Vigo lembra que mantén dous circuítos diferentes tanto en urxencias, como en consultas externas, incluídas as de diagnóstico por imaxe, e en hospitalización para os pacientes con sospeita de padecer Covid-19 e o resto de usuarios con outras patoloxías.