Baiona anima a colgar prendas brancas nas ventás e balcóns en apoio á sanidade pública

Hoxe celébrase o Día Mundial da Saúde, unha celebración que se remonta ao ano 1950 e que, todos os anos “escolle un tema baseado nas necesidades e suxestións que realizan os estados membros”, explica nos seus principios fundacionais. Neste 2020, a mensaxe é clara: que toda a cidadanía poña o seu gran de area manténdose nas casas e evitando a propagación do COVID-19.

Nesa liña, o Concello de Baiona anima á veciñanza que “ademais de aplaudir, como se fai todos os días, coloquen prendas brancas nas ventás e balcóns como apoio á sanidade pública e recoñecemento a todos e todas as profesionais que, con risco pra a súa saúde, loitan día a día por preservar á da cidadanía”.

O alcalde, Carlos Gómez, lembra que esta data é importante para “concienciarse sobre a necesidade de inculcar na sociedade hábitos sans como medio de loitar contra as enfermidades mortais a nivel global”.

Do mesmo xeito, engade o rexedor, “que é preciso reafirmarse na necesidade dunha sanidade pública digna que agora, a pesar de todas as dificultades, está sendo un exemplo de profesionalidade, solidariedade e capacidade de empatía para toda a sociedade”.

“A nosa obriga, a de todos e cada un de nós, é defendela e contribuír a que cada día sexa máis eficiente e universal”, conclúe Gómez.

Anuncios